
- O curso terá lugar o vindeiro xoves, 25 de marzo, ás 17:00 horas, no Salón de Actos do Concello.
- A compañía pública entregou ao ente local, e de forma gratuíta, outros tantos composteiros que serán distribuídos entre os participantes ao finalizar a xornada.
- Ademais das explicacións que se proporcionarán sobre a operativa a seguir para obter un compost de calidade, o encontro constitúe igualmente unha oportunidade para que os interesados consulten dúbidas e trasladen os seus comentarios e observacións.
Cerceda, a 22 de marzo de 2021.- Un total de 25 familias do municipio lucense de O Incio serán formadas por Sogama na autoxestión da materia orgánica tras a adhesión do ente local ao programa de compostaxe doméstica liderado por esta empresa pública en Galicia.
O curso celebrarase o vindeiro xoves, 25 de marzo, ás 17:00 horas, no Salón de Actos do Concello. Un técnico da compañía dará a coñecer a operativa a seguir polos participantes para obter un abono de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e poida ser aplicado na agricultura coas máximas garantías e sen restricións.
As explicacións abordarán todo o circuíto de xestión da materia orgánica: desde a propia ubicación do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descomponedores, ata a clarificación dos materiais que deben e non deben depositarse no recipiente e o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A esencia desta iniciativa non é outra que recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis moderna, cómoda e hixiénica. Con tal fin, Sogama entregou de forma gratuíta ao Concello 25 composteiros (de 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para que sexan distribuídos entre outros tantos fogares. De feito, aproveitando esta xornada de formación, repartiranse os recipientes entre os asistentes e instruiráselles sobre a correcta montaxe dos mesmos.
A sesión constitúe igualmente unha oportunidade para que os interesados poidan consultar as súas dúbidas e trasladen os seus comentarios e observacións sobre un programa que xa está operativo en 364 entidades (entre Concellos, centros educativos e colectivos sociais), entre as que Sogama repartiu máis de 15.200 composteiros.
Así mesmo, dotarase a cada familia cun manual didáctico no que se detalla a técnica a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes. De forma adicional, teñen á súa disposición un sitio web no que poderán ampliar información e acceder a recursos divulgativos: www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación