- O programa ampliouse a un total de 25 vivendas, tendo proporcionado esta empresa pública outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros, e cubos marróns domiciliarios de 10 litros
Cerceda, 29 de xuño de 2026.- Cerceda, co apoio de Sogama, amplía o seu programa local de compostaxe doméstica a 25 novas vivendas, sumando un total de 300 as adscritas a esta iniciativa co fin de promover a prevención e redución da xeración de residuos en orixe.
A empresa pública foi a encargada de dotar ao Concello cos medios materiais necesarios: composteiros, con capacidade para 400 litros cada un e fabricados con materiais reciclados e reciclables, e cubos marróns de 10 litros para facilitar o traslado dos restos orgánicos aos recipientes de fermentación, que en todo caso deben estar en contacto coa terra e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas.
O obxectivo do programa, destinado unicamente a vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, é recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica en orixe para alimento de animais domésticos ou elaboración de pilas de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Contedor marrón
Máis aló do autocompostaxe, Cerceda, en cumprimento das obrigacións contempladas na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, tamén implantou no seu momento o contedor marrón nos principais núcleos de poboación para que a veciñanza que habita en edificios lineais ou casas sen terreo, poida separar a materia orgánica, que se transportará á planta de compostaxe que Sogama ten nesta localidade e que dá servizo a unha boa parte dos concellos da provincia da Coruña.
Esta instalación, xunto coa de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), conforman a infraestrutura pública de compostaxe industrial que opera en Galicia para dar servizo á práctica totalidade dos concellos adscritos a Sogama (304, é dicir, o 97%), contando para isto co apoio de 13 plantas de transferencia ás que se dotou cunha tolva para o transvasamento da materia orgánica recollida a través do quinto contedor. Desta forma, os municipios dispoñen dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, facendo efectivo o principio de proximidade na xestión sostible dos residuos.
Nas plantas de tratamiento, os orgánicos pasan por unha primeira fase de clasificación para retirar os elementos impropios, sometendo a masa orgánica a un proceso de compostaxe aerobio (con presenza de osíxeno) en condicións controladas de humidade e temperatura. Logo dos tempos de fermentación necesarios, o material atravesa un sistema de cribado e refinado para obter o produto final.
Saúdos, Departamento de Comunicación