- O obxectivo da iniciativa, que conta cun financiamento de 400.000 euros por parte da AECID, é promover a economía circular a través da compostaxe para mellorar a fertilidade dos solos, incrementar a produtividade agrícola e reforzar a seguridade alimentaria en Cuba
- O colectivo visitante, liderado polo catedrático Salustiano Mato, coordinador do proxecto na UVigo, foi recibido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen se encargou de explicar os pormenores da rede pública de infraestruturas para a compostaxe dos residuos orgánicos en Galicia, entre as que se atopa a planta de Vilanova
Vilanova de Arousa, 17 de xullo de 2026.- Unha delegación institucional da Universidade Agraria da Habana (UNAH) en Cuba, visitou a planta de compostaxe industrial de Sogama en Vilanova de Arousa (Pontevedra) para comprobar in situ a súa operativa e informarse sobre a rede pública de infraestruturas impulsada pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos a dar cumprimento á obrigación legal de recoller de forma diferenciada a materia orgánica e convertela en compost.
Esta visita enmárcase nun proxecto internacional que, baixo a denominación “Prácticas de economía circular en xestión de residuos para mellorar a produtividade e calidade alimentaria en Cuba”, coordina a Universidade de Vigo (UVigo), contando cun financiamento de 400.000 euros por parte da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, sendo o seu obxectivo promover a economía circular a través da compostaxe para mellorar a fertilidade dos solos, incrementar a produtividade agrícola e reforzar a seguridade alimentaria en Cuba.
O grupo, liderado por Salustiano Mato, catedrático de zooloxía e, á súa vez, coordinador do proxecto na Uvigo, foi recibido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen se encargou de explicar os pormenores da rede pública de compostaxe industrial habilitada en Galicia, e á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros (cun cofinanciamento europeo de 30 millóns de euros), estando conformada por 4 plantas de biorresiduos (Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Verín, en Ourense; Cerceda, na Coruña; e Cervo, en Lugo), apoiadas á súa vez por 13 plantas de transferencia dotadas cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica. Desta forma, tal e como manifestou o máximo responsable da empresa, dáse cobertura a todos os concellos adheridos a Sogama (304 a día de hoxe), propiciando que dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Acompañaban a Salustiano Mato, por parte da delegación de Cuba, a vicerreitora de Investigación da UNAH, Mabelin Armenteros Amaya; o coordinador do proxecto nese país, Heriberto Vargas Rodríguez; o co-coordinador, Yandre Soto Rodríguez; a directora de Estudos Posgrao, Zulema Salgueiro Rubio; e o profesor de Bioloxía Elio Lázaro Amador Lorenzo. Tamén se sumaron á comitiva a Secretaria Técnica CRUSOE (Conferencia de Reitores Universitarios do Suroeste de Europa), Enma Iravedra López; a Xestora de proxectos CRUSOE, Eliane Van Bratenghem; e o técnico do proxecto na UVigo, Domingo Pérez.
Facendo fronte á baixa fertilidade dos solos en Cuba
O proxecto, cunha duración de 24 meses, e desenvolvido tamén en colaboración coa empresa Fabricados Electromecánicos Estévez Fábrez, SL, busca responder a unha problemática especialmente relevante para o sector agrario cubano, que é a baixa fertilidade dos solos, a escasa presenza de materia orgánica, a compactación dunha parte importante das terras agrícolas e a limitada implantación de prácticas de compostaxe.
Neste contexto, a incorporación de sistemas de economía circular permitirá mellorar a xestión dos residuos orgánicos de orixe agrícola e gandeiro, e favorecer a recuperación da fertilidade dos solos.
O obxectivo desta actuación é precisamente contribuír á sostibilidade ambiental, á seguridade alimentaria e ao desenvolvemento local en Cuba mediante a implantación dun sistema de compostaxe comunitaria na Granxa Escola Universitaria El Guayabal, pertencente á UNAH, e converter esta experiencia nun modelo replicable no contexto cubano, promovendo a valorización dos residuos orgánicos, a rexeneración dos solos agrícolas e o fortalecemento das capacidades técnicas locais para unha produción agroecolóxica máis sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación