- A pretensión é que calquera consumidor poida saber facilmente como xestionar un residuo de envase, independentemente do país europeo no que se atope
- Entre as vantaxes, destácase unha maior pureza das distintas fraccións, a redución de materiais impropios nas plantas de clasificación, o incremento da calidade das materias primas secundarias, a diminución dos custos asociados á separación e ao rexeitamento de residuos, e a mellora do rendemento dos procesos de reciclaxe
Cerceda, 29 de xullo de 2026.-A correcta separación dos residuos de envases continúa a ser un dos principais retos para mellorar a eficiencia da reciclaxe en Europa. A coexistencia de diferentes símbolos, códigos de cores e instrucións entre Estados membro dificulta que os consumidores depositen cada envase no contedor axeitado, xerando impropios que reducen a calidade dos materiais recuperados.
Para abordar este problema, a Unión Europea está a desenvolver un sistema harmonizado de etiquetaxe de envases, contemplado no Regulamento sobre Envases e Residuos de Envases (PPWR), que establecerá unha linguaxe visual común. A pretensión é que calquera consumidor poida identificar facilmente como xestionar un envase, independentemente do país europeo no que se atope.
Desde o punto de vista técnico, unha separación máis precisa repercute directamente na eficiencia de toda a cadea de xestión de residuos. Entre as vantaxes, destácase unha maior pureza das fraccións recollidas selectivamente, a redución de materiais impropios nas plantas de clasificación, o incremento da calidade das materias primas secundarias, a diminución dos custos asociados á separación e ao rexeitamento de residuos, e a mellora do rendemento dos procesos de reciclado.
Unha información homoxénea tamén facilitará o cumprimento dos obxectivos europeos de reciclabilidade e contribuirá a aumentar a dispoñibilidade de materiais reciclados para a súa reincorporación a novos procesos produtivos.
A harmonización da etiquetaxe suporá un cambio importante para os produtores de envases e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP). As empresas deberán revisar o deseño gráfico dos envases, a identificación dos materiais utilizados, as instrucións de separación dirixidas ao consumidor e a adaptación dos envases comercializados en distintos mercados europeos.
A etiquetaxe harmonizada forma parte do conxunto de medidas incluídas no PPWR para avanzar cara a un modelo de envases máis circular. Entre outros obxectivos, a normativa persegue reducir a xeración de residuos, garantir que todos os envases sexan reciclables en condicións economicamente viables, incrementar o contido de material reciclado, impulsar os sistemas de reutilización e recarga, e favorecer un mercado europeo máis eficiente para as materias primas secundarias.
Máis aló da etiquetaxe
Aínda que a harmonización dos símbolos facilitará a correcta separación de residuos, diversos expertos sinalan que a súa eficacia dependerá tamén doutros factores como a homoxeneización dos sistemas de recollida, a educación ambiental e a incorporación de ferramentas dixitais —códigos QR ou pasaportes dixitais de produto— que permitan ofrecer información adicional adaptada a cada territorio.
En conxunto, a futura etiquetaxe europea representa un paso relevante para mellorar a calidade da reciclaxe, reducir a contaminación das correntes de residuos e reforzar a economía circular mediante unha comunicación máis clara e uniforme para cidadáns, empresas e xestores de residuos.
Fonte: Gestores de Residuos