- Segundo datos de Eurostat, do total tratáronse 1,4 millóns de toneladas, destinando o 78% a reciclaxe
Cerceda, 23 de novembro de 2026.- Segundo as últimas cifras publicadas por Eurostat, a Unión Europea xerou case 2,3 millóns de toneladas de residuos téxtiles en 2024, dos cales máis da metade procederon dos fogares, tendo recibido tratamento 1,4 millóns de toneladas, equivalentes ao 63% do total.
Italia foi o país que rexistrou a produción da maior cantidade de residuos téxtiles, con 441.736 toneladas. Tamén encabezou os datos de tratamento e reciclaxe, con 280.680 toneladas. A continuación situáronse Francia, con 339.965 toneladas xeradas e 258.129 tratadas, e Alemaña, con 212.107 toneladas xeradas e 207.156 tratadas.
No caso de España, en 2024 xeráronse 177.952 toneladas, das que se trataron case 100.000.
En canto ao destino dos residuos téxtiles xestionados na UE, o 91% someteuse a operacións de valorización. A reciclaxe representou o 78% do total, mentres que a incineración con recuperación de enerxía supuxo o 13%. O resto distribuíuse entre o depósito en vertedoiro, que representou o 8%, e a incineración sen recuperación enerxética, co 1%.
Por países, Italia e Francia rexistraron as porcentaxes máis elevadas de reciclaxe de residuos téxtiles tratados, ambos os dous cun 98%. Seguíronlles Lituania, cun 87%, e Eslovenia, cun 83%. En España reciclouse case o 80% dos residuos téxtiles tratados, do resto, a maioría destinouse a vertedoiro.
No extremo oposto, Letonia non rexistrou reciclaxe de residuos téxtiles, mentres que Estonia alcanzou só un 5%.
Fonte: Eurostat