- Segundo datos publicados por AEVERSU, e enmarcados na Semana Europea da Prevención de Residuos, as entidades asociadas a esta organización trataron en 2024 preto de 2,6 millóns de toneladas de residuos, que converteron en enerxía, evitando a súa vertedura
Cerceda, 20 de novembro de 2025.-Segundo datos de AEVERSU, a Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética, na que se integra Sogama, y enmarcados na Semana Europea de Prevención de Residuos, as entidades asociadas a esta organización valorizaron en 2024 un total de 2.594.988 toneladas de residuos, contribuíndo a reducir o uso de vertedoiros e a xerar enerxía a partir dos materiais que non poden reciclarse.
Malia os avances do sector, España aínda envía o 47% dos residuos a vertedoiros, situándose como responsable do 20% de todos os residuos vertidos na UE (datos Comisión Europea). Mentres tanto, só un 11% dos residuos se valorizan enerxeticamente, porcentaxe inferior á de países como Alemaña, Austria, Países Baixos ou Dinamarca, que alcanzan entre o 30% e 40%.
“O contraste con outros países demostra que a clave non está só en reciclar máis, senón en aproveitar todas as ferramentas dispoñibles para reducir a vertedura. A valorización enerxética é decisiva na transición cara a un modelo circular”, comenta Joaquín Pérez Viota, presidente de AEVERSU, quen engade: “Transformar os residuos en recursos non é só tecnolóxico, senón un cambio de mentalidade. Sen unha xestión responsable dos residuos non hai transición enerxética”.
Complemento dos 3R
Baixo o principio dos 3Rs (Reducir, Reutilizar e Reciclar), a valorización enerxética posiciónase como un cuarto piar, necesario na transición cara á economía circular, ao dar unha segunda vida aos residuos non reciclables e convertelos en enerxía térmica e eléctrica aproveitable para fogares, industrias e servizos públicos. “Non somos prevención, somos xestión”, subliña Joaquín Pérez. “Garantimos que ningún residuo non reciclable acabe en vertedoiro, contribuíndo á descarbonización e a un modelo enerxético eficiente”.
A valorización enerxética permite evitar emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da descomposición de residuos en vertedoiros e reducir o consumo de combustibles fósiles, ao substituír parte da enerxía xerada por enerxía procedente de residuos municipais.
AEVERSU lembra que, para alcanzar os obxectivos europeos de redución da vertedura e neutralidade climática, é necesario un enfoque integral que combine redución, reutilización, reciclaxe e valorización enerxética, garantindo que cada residuo siga o camiño máis sostible posible segundo a xerarquía europea de residuos.
Fonte: Aeversu