- Participaron o pasado venres nun curso de formación impartido no Edificio de Usos Múltiples, que serviu tamén para que consultasen dúbidas e trasladasen as súas observacións
- A día de hoxe, este Concello pontevedrés recibiu de Sogama máis de 210 composteiros
Cerceda, 28 de setembro de 2026.- Veciños do Concello pontevedrés de Covelo foron instruídos por monitores de Sogama na técnica da autocompostaxe a través dun curso presencial que tivo lugar o pasado venres no Edificio de Usos Múltiples da localidade.
A xornada foi aproveitada para entregar aos asistentes unha nova partida de composteiros, así como igual número de cubos marróns para facilitar o transporte dos restos orgánicos desde as cociñas ata os recipientes de compostaxe, que, en todo caso, deben estar situados no exterior das vivendas e en contacto directo coa terra.
Entre o público atopábase o propio alcalde do municipio, Juan Pablo Castillo Amigo, quen animou aos asistentes a participar activamente nunha iniciativa con grandes vantaxes ambientais e coa que se pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis moderna, cómoda e hixiénica.
Ademais de explicar a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos para ser aplicado ao solo con absolutas garantías, o encontro serviu para que os interesados puidesen consultar as súas dúbidas e trasladar as súas observacións sobre un sistema eficiente que permite tratar in situ ao redor do 40% dos residuos producidos nunha vivenda tipo, porcentaxe conformada por materia orgánica.
A día de hoxe, Covelo recibiu de Sogama máis de 210 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación