- O obxectivo desta actividade era que tomasen conciencia do percorrido que os residuos deben facer desde que se producen ata que se tratan de forma axeitada para convertelos en recursos e da importancia transcendental que ten a colaboración cidadá na súa correcta xestión
- O grupo tivo a oportunidade de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo industrial de Sogama, que foi complementada cun itinerario guiado a pé
Cerceda, 23 de outubro de 2026.- Máis de medio cento de veciños do municipio de Outes (A Coruña) viaxaron onte a Cerceda para coñecer a actividade de Sogama a través dunha visita organizada polo seu Concello. O obxectivo da mesma era que tomasen conciencia do percorrido que deben facer os residuos desde que se producen ata que se tratan en condicións axeitadas e a importancia que ten a colaboración cidadá na súa correcta xestión.
Educadores medioambientais especializados foron os encargados de explicar ao grupo a problemática que a día de hoxe representa a elevada xeración de lixo, así coma os xestos e prácticas que os cidadáns poden adoptar cada día para reducir a súa produción, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización, e para propiciar a reciclaxe dos refugallos mediante a separación dos mesmos e posterior depósito nos contedores correspondentes. Deste xeito, conseguiranse importantes beneficios ambientais, aforrando enerxía e materias primas, e tamén económicos para as arcas locais, xa que canta máis cantidade de residuos se envíen a reciclar e menos se depositen na bolsa negra, máis ingresos recibirán os concellos dos SCRAPS (Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor) e menor será o importe da factura a pagar a Sogama.
A través de realidade virtual, e unha vez equipados con lentes inmersivas 360º, os veciños puideron visualizar, desde diferentes perspectivas e ángulos, a actividade de todas as plantas que conforman o Complexo industrial. É o caso da planta de clasificación de envases, onde se separan os envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo para o seu posterior envío aos centros recicladores, así como as instalacións que aglutinan o tratamento da bolsa negra (fracción resto), seleccionando en primeira instancia, e con tecnoloxía 4.0, a parte reciclable e elaborando co resto un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica.
Esta experiencia complementouse cun itinerario guiado a pé e un coloquio final no que os participantes tiveron a oportunidade de realizar comentarios, consultar dúbidas e trasladar a súa valoración da visita.
Saúdos, Departamento de Comunicación