
- Os composteiros entregados por esta empresa pública ás familias participantes, posibilitarán que o proceso de fermentación da materia orgánica gañe en eficiencia, hixiene e comodidade
Cerceda, a 6 de maio de 2025.- Veciños do Concello ourensán de Beade, que recentemente recibiu 25 composteiros de Sogama, participaron nunha sesión formativa impartida por persoal especializado para mellorar e reforzar os seus coñecementos na autoxestión da materia orgánica, que algúns deles xa viñan facendo artesanalmente.
Grazas aos recipientes entregados por esta empresa pública, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, o proceso de fermentación dos residuos orgánicos gañará en eficiencia, hixiene e comodidade.
Así, orientóuselles sobre o lugar idóneo para a colocación do composteiro (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para propiciar o acceso dos microorganismos descompoñedores), os materiais que poden e non poden depositarse no mesmo e, moi importante, o necesario control e seguimento a realizar da operativa (osíxeno, temperatura e humidade) para propiciar que o compost resultante sexa de alta calidade e apto, conforme á lexislación vixente, para ser aplicado con todas as garantías en hortas, xardíns e terras de cultivo.
O encontro serviu para que os asistentes tivesen a oportunidade de resolver as súas dúbidas, mesmo sobre outros contedores de recollida selectiva a fin de mellorar a súa achega á reciclaxe.
A día de hoxe son medio cento as vivendas unifamiliares con terreo que participan no programa de Sogama, ás que tamén se entregou un manual didáctico de apoio no que se detalla a operativa a seguir polos usuarios e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Saúdos, Departamento de Comunicación