- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climáticopresidiu onte en Santiago a primeira mesa sectorial de traballo con representantes do canal Horeca en Galicia, sinalando que a experiencia e o coñecemento dos axentes que operan a diario nestes ámbitos é clave para obter unha boa diagnose da situación e deseñar a folla de ruta a seguir de forma realista, consensuada e adaptada á realidade galega
- Ángeles Vázquez subliñou que a principal causa do residuo alimentario no sector son as sobras que quedan na mesa, que representan o 63,2% do total fronte ao 26% xerado en cociña, polo que considera que hai marxe de mellora para aumentar o seu aproveitamento
- A pretensión é impulsar a prevención neste tipo de residuos, achegarse aos obxectivos fixados pola normativa e reforzar o compromiso da Comunidade cun modelo de alimentación máis eficiente e sostible, en liña cos principios da economía circular
- No mes de outubro haberá outros dous encontros dirixidos ao sector distribuidor e á sociedade civil para buscar solucións eficaces pola vía da colaboración público-privada
Cerceda, 30 de setembro de 2026.- A Xunta de Galicia traballará da man do sector da hostalería e da restauración co fin de impulsar accións eficaces para avanzar na redución dos residuos alimentarios na Comunidade a través da prevención e dunha mellor xestión dos excedentes que fomente a súa reciclaxe, valorización ou aproveitamento para outros usos.
Para acadar este obxectivo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu onte a primeira reunión da mesa sectorial de traballo cos representantes do canal Horeca, acrónimo utilizado en Europa para referirse ao sector e que agrupa a hoteis, restaurantes, cafeterías e empresas de catering.
Logo de destacar que a hostalaría representa na comunidade galega preto do 4,5% da riqueza, sumando máis de 21.000 establecementos que dan traballo a arredor de 61.000 persoas, a responsable autonómica sinalou que a experiencia e o coñecemento que poden aportar os axentes que operan a diario nestes ámbitos resulta clave para obter unha boa diagnose de cal é a situación de partida e deseñar, a partir de aí, o Plan de prevención e xestión do residuo alimentario de Galicia (Prexera), a folla de roteiro a seguir para avanzar neste eido dunha forma realista, consensuada e adaptada á realidade galega.
De feito, os negocios do canal Horeca compran alimentos, bebidas e subministracións ao por maior para transformalos e servilos nos seus establecementos, destacando, no caso de Galicia, polo consumo de produtos locais e materias primas de gran calidade procedentes do mar e do campo, un factor diferencial que o converte nun dinamizador clave da economía galega.
Ángeles Vázquez subliñou que a principal causa do residuo alimentario procedente deste sector son as sobras que deixan os comensais na propia mesa —xa que representan o 63,2% do total fronte ao 26% xerado en cociña—, polo que considera que aínda hai marxe de mellora para previr a xeración desde os propios establecementos (axustando as compras, adaptando racións, informando á clientela...) e aumentar o seu aproveitamento posterior, tanto a través da reciclaxe como da doazón e a redistribución para consumo humano –bancos de alimentos e entidades sociais– ou para alimentación animal.
Neste sentido, agradeceu a implicación do sector e confiou en que as conclusións e achegas que se obteñan nestas mesas de traballo axudarán a cumprir cun triplo obxectivo: impulsar a prevención deste tipo de residuos, avanzar en liña cos obxectivos europeos de reciclaxe e reforzar o compromiso da Comunidade cun modelo de alimentación máis eficiente, responsable e sostible, acorde cos principios da economía circular.
Aposta pola participación
A intención da Consellería, en todo caso, é ir máis aló no proceso participativo iniciado onte. De feito, ten previsto convocar en outubro outras dúas mesas de traballo, a primeira dirixida ao sector da distribución alimentaria en Galicia e a seguinte enfocada á xestión destes refugallo nos fogares, que supoñen aproximadamente o 40% da bolsa negra tipo.
Estes encontros contarán con representantes dos respectivos colectivos aos que van dirixidos específicamente, ademais de entidades sociais, administracións, asociacións empresariais, centros de investigación e de coñecemento e outros axentes de interese.
No seu conxunto, as tres mesas sectoriais planificadas polo departamento autonómico servirán para validar e completar a diagnose actual da situación; coñecer mellor as necesidades de cada sector; identificar retos e medidas concretas; detectar boas prácticas xa implantadas, e primar liñas de actuación de forma coordinada.
Fonte e imaxes: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático