- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asistiu á primeira reunión de Citexgal, un novo espazo de traballo aberto a todas as empresas da cadea de valor
- Ángeles Vázquez incide en que non se trata só de reciclar máis senón de adaptar tamén a produción e a forma de consumir produtos como a roupa e o calzado
- Tras lembrar o peso que ten en Galicia o téxtil a nivel económico e industrial, salienta que o sector afronta un momento de transformación e de cambios a nivel normativo no que ferramentas de colaboración público-privada como esta serán claves
- Explica que os participantes atoparán en Citexgal un espazo útil para intercambiar coñecemento e experiencias, detectar necesidades e obstáculos, promover formación e divulgación e impulsar proxectos concretos para avanzar cara a modelos circulares
- Estímase que só en Galicia se xeran cada ano entre 75.000 e 80.000 toneladas de residuos téxtiles e unha parte importante deles aínda se deposita coa fracción resto
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026.- A Xunta de Galicia presentou hoxe oficialmente a iniciativa Circularidade do téxtil galego, impulsada da man do sector co obxectivo de incidir na prevención da xeración en orixe deste tipo de residuos, alongando ao máximo a súa vida útil, e mellorar deste xeito a súa posterior xestión.
Ante representantes dunha trintena de empresas e entidades implicadas na cadea de valor téxtil da Comunidade, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asistiu á primeira reunión de Citexgal, que, segundo explicou, nace como un espazo de traballo compartido para canalizar o apoio, a coordinación e o intercambio de coñecemento que permita afrontar os cambios lexislativos e do propio sector con anticipación e aproveitaR as oportunidades que ofrece neste eido a economía circular.
“Non se trata de reciclar máis senón tamén de producir e de consumir mellor”, argumentou a responsable autonómica, que por este motivo agradeceu a todos os asistentes a súa disposición a formar parte dunha iniciativa coa que o seu departamento busca acompañalos neste proceso e facilitarlles unha plataforma de traballo común para avanzar no cumprimento dos grandes retos ambientais que teñen por diante.
Tras lembrar o peso a nivel económico e industrial que ten o sector téxtil en Galicia —cun volume de exportacións que supera os 7.900 millóns de euros anuais, segundo os últimos datos dispoñibles—, resaltou que, ademais, afronta un momento de gran transformación, marcado pola evolución e os últimos cambios no marco normativo tanto a nivel europeo como estatal. De feito, cómpre lembrar que a recollida separada deste tipo de residuos é obrigatoria desde o 1 de xaneiro de 2025, un cambio recente que obrigou ás entidades locais a adaptar os seus sistemas de xestión a unha nova fracción.
Ao respecto, a conselleira recoñeceu que aínda queda marxe de mellora para optimizar a xestión destes residuos na Comunidade e insistiu, en todo caso, en que a mellor forma de logralo será sempre “evitar” que os produtos téxtiles, como a roupa ou o calzado, se convertan en residuos, facéndoos máis duradeiros ou dándolles unha segunda vida.
Neste contexto xorde Citexgal, concibido como un novo espazo de colaboración público-privada arredor do téxtil galego e aberto, como tal, á participación non só das empresas produtoras senón tamén de entidades de reciclaxe, centros de investigación e desenvolvemento tecnolóxicos, clústeres sectoriais, fundacións e outros axentes da cadea de valor e das propias administracións públicas.
Segundo explicou a conselleira, os participantes atoparán nel unha ferramenta útil para intercambiar coñecementos e experiencias; detectar necesidades reais e tamén obstáculos técnicos, económicos ou normativos; promover a formación e a divulgación entre o sector; establecer sinerxías e contactos, e impulsar proxectos concretos para avanzar cara a modelos circulares (a través do ecodeseño para facer as prendas máis duradeiras, a reparación e a reutilización, a redución do material desperdiciado...).
Para lograr estes fins, prevense distintos tipos de actuacións dirixidas aos seus membros, entre elas, webinarios, actividades divulgativas sobre o novo marco regulatorio, publicacións periódicas para comunicar fitos, avances ou actividades de interese en materia circular e accións destinadas a facilitar novas incorporacións á comunidade.
Traballo para mellorar a recollida
En paralelo á circularidade, tamén hai outros eidos nos que mellorar as distintas fases da cadea produtiva dos téxtiles, desde que se fabrican ata que se desbotan. Só en Galicia, estímase que se xeran cada ano entre 75.000 e 80.000 toneladas de residuos deste tipo e unha parte importante—arredor dun 7%— aínda se deposita mesturada coa fracción resto, o que dificulta moito a súa separación e correcta xestión posterior.
Nesta liña está a traballar tamén a Xunta. Así, Ángeles Vázquez referiuse aos esforzos realizados desde o seu departamento para mellorar os sistemas de recollida separada e a capacidade de clasificación e tratamento desta fracción en Galicia.
En concreto, destacou a nova planta pública de clasificación téxtil de Cerceda, a primeira destas características de todo o país e que estará operativa este outono, cun investimento de máis de 22 millóns de euros; e tamén se referiu ás axudas convocadas este ano para apoiar aos concellos no impulso de iniciativas para a mellora da recollida separada e a preparación para a reutilización ou a reciclaxe desta fracción.
Fonte e Imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia