"Recíclate con Sogama" é un programa de educación ambiental, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade), que ten por obxecto promover a participación e implicación da comunidade educativa na xestión sostible dos residuos municipais mediante o consumo responsable, a menor produción de refugallos e o fomento da reutilización e a reciclaxe. Para facilitar esta tarefa, os centros dispoñen dunha pequena infraestrutura achegada por Sogama denominada "illa de reciclaxe", conformada á súa vez por catro colectores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel/cartón; marrón, para a materia orgánica, e verde, para a fracción resto -non reciclable-).
O fin último desta iniciativa é que o alumnado, ademais de ser parte activa na mellor xestión dos refugallos producidos no ámbito escolar, actúe como axente dinamizador das boas prácticas ambientais a instaurar na súa contorna familiar e social, contribuíndo desta forma a incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia e os seus beneficios, tanto a nivel ambiental (aforro de enerxía e materias primas) como económico (diminución dos custos para os concellos).
O programa correspondente ao curso académico 2023-2024 alcanza a 12.ª edición e diríxese a centros escolares (públicos e concertados) de Educación Primaria e Educación Especial.
- Máis información en: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
- Ficha técnica do programa Recíclate con Sogama 2023-2024: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/6220