
"Recíclache con Sogama" é un programa de educación ambiental canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Universidade) que ten por obxecto promover a participación e implicación da comunidade educativa na xestión sostible dos residuos urbanos mediante o consumo responsable, a menor produción de refugallos e o fomento da reutilización e a reciclaxe. Para facilitar esta tarefa, os centros dispoñen dunha pequena infraestrutura achegada por Sogama denominada "illa de reciclaxe", conformada á súa vez por tres colectores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, para as latas, briks e envases de plástico; azul, para o papel/cartón; e verde, para a fracción non reciclable).
Aqueles centros que contan con servizo de comedor, suministráselles igualmente un compostador para o tratamento da materia orgánica xerada, permitíndolles así obter un abono de alta calidade que poden empregar nos seus hortos e xardíns. Con isto teñen a oportunidade de cerrar o ciclo de recuperación e reciclaxe dos restos orgánicos, evitando o depósito dos mesmos nos colectores verdes convencionais.
O fin último desta iniciativa é que o alumnado, ademais de ser parte activa na mellor xestión dos refugallos producidos no ámbito escolar, actúe como axente dinamizador das boas prácticas ambientais a instaurar na súa contorna familiar e social, contribuíndo desta forma a incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia e, por tanto, aos beneficios asociados, tanto a nivel ambiental (aforro de enerxía e materias primas) como económico (diminución dos custos para os concellos).
O programa correspondente ao curso académico 2022-2023 alcanza a súa onceava edición e diríxese a centros escolares (públicos e concertados) de Educación Primaria.
- Máis información en: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
- Ficha técnica do programa Recíclate con Sogama 2020-2021: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/6220
