- A alta calidade do programa, permitiu abordar a transición enerxética desde diferentes ámbitos e poñer en común as capacidades de empresas, profesionais, administracións e centros de coñecemento para avanzar cara a un sistema enerxético máis electrificado, competitivo e baseado en recursos renovables
- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, participou no bloque dedicado á sostibilidade, onde explicou os pormenores do Plan de Transformación Dixital instaurado por esta empresa pública e que marcará un antes e un despois na súa xestión, gañando en eficiencia, transparencia e capacidade de diálogo
- Ao seu xuízo, xa non serve unicamente con tratar os residuos, senón que debe traballarse en favor dunha xestión que achegue valor a través da análise do dato, imprescindible para a toma de decisións
Cerceda, 6 de outubro de 2026.- O Congreso Energy Days 2026, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), reuniu en Santiago de Compostela (do 30 de setembro ao 2 de outubro), concretamente na Cidade da Cultura, a máis de 600 asistentes e a un cento de relatores co obxectivo de analizar os principais retos que enfronta o sector enerxético.
A alta calidade do programa, estruturado ao redor de Energy Industries, Energy Cities e Wind Galicia (con oito mesas de debate, tres xornadas especializadas e dous seminarios), permitiu abordar a transición enerxética desde diferentes ámbitos e poñer en común as capacidades de empresas, profesionais, administracións e centros de coñecemento para avanzar cara a un sistema enerxético máis electrificado, competitivo e baseado en recursos renovables.
O éxito de aforo, a intervención de prestixiosos expertos e o elevado interese dos contidos, consolidou esta cita anual como punto de encontro do sector enerxético en Galicia, creando un espazo para compartir coñecemento, analizar proxectos e abordar conxuntamente os desafíos tecnolóxicos, industriais e regulatorios dos próximos anos.
A dixitalización no modelo Sogama: o dato como epicentro da xestión
Representantes de empresas, administracións, centros tecnolóxicos e profesionais debateron, entre outras temáticas, sobre transición enerxética, almacenamento, eficiencia, descarbonización, mobilidade eléctrica, dixitalización, cidades intelixentes, enerxía eólica e sostibilidade.
Concretamente, este último bloque contou coa participación do directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, quen explicou os pormenores do Plan de Transformación Digita instaurado por esta empresa pública e que marcará un antes e un despois na súa xestión, gañando en eficiencia, transparencia e capacidade de diálogo cos 304 concellos aos que dá servizo.
Deste xeito, a empresa pretende axudar aos concellos a dar debido cumprimento ás súas obrigacións legais, poñendo ao seu dispor a información demandada nun só click, con todas as vantaxes que isto reporta en aforro de tempo, papeleo e xestións. Igualmente, este mecanismo permitirá unha comunicación máis fluída e próxima con todos os entes locais, que poderán beneficiarse das mesmas prestacións, con independencia das súas características, localización xeográfica e número de habitantes.
Galicia, en vantaxe
Entre as mensaxes máis salientables do encontro aludiuse á necesidade de acelerar a transición enerxética e avanzar na electrificación da economía ante a dependencia dos combustibles fósis. Neste sentido, o secretario de Cluergal, Nonito Aneiros, destacou as posibilidades que este escenario abre para Galicia, que dispón de recursos renovables, capacidades industriais e coñecemento especializado para desempeñar un papel protagonista.
Tamén se abundou no almacenamento enerxético e o reforzo das redes eléctricas, incidindo na necesidade de dispoñer de infraestruturas capaces de integrar nova xeración renovable e atender o crecemento da demanda asociado á industria e a dixitalización. A estes desafíos súmanse a garantía de subministración, a protección das infraestruturas enerxéticas críticas e a necesidade de contar con solucións que acheguen estabilidade e flexibilidade ao sistema eléctrico.
Fonte: Cluergal