- A pretensión é que, a través das súas creacións, expresen o que significa para eles este lema, mostrando como a innovación, grande ou pequena, antiga ou nova, pode contribuír a dar de comer ao mundo, protexer o planeta e crear un futuro mellor para todos
- O prazo de presentación conclúe o próximo 6 de novembro
Cerceda, 8 de outubro de 2026.-Co lema “Innovar hoxe para nutrir mañá”, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) conmemorará o próximo 16 de outubro o Día Mundial da Alimentación. Neste marco, convocou un concurso de carteis orientado a nenos e mozos con idades comprendidas entre os 5 e os 19 anos que habiten en calquera parte do mundo. A pretensión é que, a través das súas creacións, expresen o que significa para eles este lema, mostrando como a innovación, grande ou pequena, antiga ou nova, pode contribuír a dar de comer ao mundo, protexer o planeta e crear un futuro mellor para todos.
Estrutura, condicións e prazo
O concurso estrutúrase en varias categorías: de 5 a 8 anos, de 9 a 12 anos, de 13 a 15 anos e de 16 a 19 anos. Só se admite un cartel por participante. Os carteis pódense debuxar, pintar ou esbozar con bolígrafos, lapis de cores ou carbonciños, empregando pintura ao óleo, pintura acrílica ou acuarelas, ou mesmo unha combinación de materiais. Tamén se poden deseñar dixitalmente, pero non se permiten fotografías.
Así mesmo, os candidatos non poden presentar obras que inclúan contido xerado por ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) xenerativa, incluíndo, entre outras, imaxes fotorrealistas, gráficos ou outros medios artísticos, pero si poden utilizar tecnoloxía de IA co fin de ideación ou edición. Non obstante, cando así o fagan, deberán informar como se utilizou especificamente a devandita tecnoloxía. No caso de que se empregase de xeito non conforme ás normas, a FAO resérvase o dereito, á súa total discreción, de descualificar a obra do concurso.
Todos os carteis deben ser orixinais e non poden incluír logotipos ou imaxes fotográficas do concursante ou outra información privada. Queda a opción do participante incluír texto ou non. De incluírse, non poderá superar as 25 palabras ou 100 caracteres.
Os carteis só poderán ser enviados utilizando o formulario de inscrición previsto para o efecto e unicamente se aceptarán ficheiros dixitais en formato JPEG.
O prazo de presentación conclúe o próximo 6 de novembro.
Xurado e premios
Un xurado seleccionará 15 carteis de cada categoría (60 carteis en total) para a lista de finalistas e notificarao en decembro de 2025. Os candidatos preseleccionados recibirán un certificado por este logro.
Os gañadores de cada unha das categorías anunciaranse no sitio web do Día Mundial da Alimentación e promocionaranse nas redes sociais e oficinas da FAO de todo o mundo, recibindo tamén un certificado de recoñecemento e unha bolsa de agasallo sorpresa.
Fonte e imaxe: FAO