- Aglutinará a 25 centros de educación de primaria, cuxa selección se realizará de acordo cunha serie de criterios previamente definidos
- A pretensión de Sogama é que a comunidade educativa comprenda e tome conciencia da problemática que trae consigo a elevada produción de residuos e que identifique a práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) coma o motor de cambio cara a unha xestión sostible dos residuos
- O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o próximo 13 de novembro
Cerceda, 2 de novembro de 2026.- O programa “Recíclate con Sogama”, cuxa pretensión é instaurar a xestión sostible dos residuos nos centros escolares a través da práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), regresará este curso ás aulas da man do Plan Sinerxía 2026-2027, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, orientada a mellorar a calidade educativa, o desenvolvemento das competencias clave e a promoción da innovación nos centros docentes.
O plan articula unha oferta diversificada de programas educativos que abarcan ámbitos como a educación artística e patrimonial, a igualdade e a cidadanía, a interculturalidade, a dinamización lingüística, os hábitos de vida saudables e a sostibilidade, favorecendo con isto unha resposta educativa integral e adaptada ás necesidades e características dos centros e do seu alumnado. Ao mesmo tempo, promove a complementariedade entre os distintos programas, a optimización dos recursos dispoñibles, o intercambio de experiencias e boas prácticas, así como a colaboración entre os centros docentes, os diferentes departamentos #da Xunta de Galicia e as entidades participantes, co fin de favorecer unha actuación educativa coordinada, coherente e de calidade.
E é precisamente no eido da educación en sostibilidade onde se enmarca o programa Recíclate con Sogama, que estará orientado a 25 centros de educación de primaria, cuxa selección se realizará, logo da presentación de súas candidaturas, conforme a unha serie de criterios previamente establecidos: que os centros pertenzan a concellos adscritos ao sistema Sogama, que non tiveran participadp en edicións anteriores do programa, que os proxectos se axusten aos obxectivos do mesmo, que a redacción das propostas sexa clara e precisa (que se quere facer, para que e resultados esperados) e que, na medida do posible, as actividades contempladas sexan innovadoras e potencien a creatividade.
No caso de que haxa máis de 25 centros candidatos que dean cumprimento aos requisitos anteriores, a selección realizarase por orde de solicitude.
Do problema á acción
Entre os obxectivos específicos do programa Recíclate con Sogama cabería destacar a necesidade de que a comunidade educativa comprenda e tome conciencia da problemática que trae consigo la elevada produción de residuos e interiorice os bos hábitos a adoptar; que identifique a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como motor do cambio cara a unha xestión sostible dos residuos; que coñeza a actividade de Sogama e as razóns polas que precisa a colaboración da cidadanía; que o alumnado adopte o rol de embaixador e axude na protección do medio ambiente levando a cabo unha tarefa pedagóxica na súa contorna familiar e social máis inmediata; e que a comunidade educativa coñeza os principios da economía circular, pero non só desde os beneficios que esta reporta ao medio ambiente, senón tamén como unha oportunidade futura para o crecemento económico e para o emprego.
Recursos de apoio
Recíclate con Sogama achegará aos centros participantes unha serie de recursos materiais tales como illas de reciclaxe, conformadas cada unha por 4 contedores de recollida selectiva, con capacidade para 120 litros (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para materia orgánica; e gris ou verde escuro, para a fracción resto), así como composteiros e cubos marróns para os centros que dispoñan de horta ou xardín, axudándolles a elaborar o seu propio compost, e tamén recursos didácticos e divulgativos que tomarán a forma de presentacións, vídeos, titoriais, unidades didácticas, etc.
E todo isto reforzado con charlas e sesións formativas presenciais, un curso en liña dirixido ao profesorado, talleres e xogos de clasificación de residuos e un concurso de carteis promocionais da reciclaxe dotado con atractivos premios económicos que os centros deberán destinar a accións educativas.
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 13 de novembro.
Información complementaria:
- Convocatoria Plan Sinerxía 2026-2027: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/51125
- Presentación candidaturas centros: https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/
- Pormenores do programa Recíclate con Sogama: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/50938
Saúdos, Departamento de Comunicación