- Así se pronunciou o Responsable de Transformación Dixital desta empresa pública, José Manuel Pallas Regueiro, con motivo da súa intervención nun webinar celebrado esta mesma mañá e centrado na contribución da dixitalización á mellor xestión das empresas, promovido por DIHGIGAL e financiado polo IGAPE
- Durante a súa alocución, o representante de Sogama fixo especial fincapé na importancia do dato e a accesibilidade ao mesmo para optimizar a operativa na xestión de residuos, tanto por parte de Sogama como por parte dos 304 concellos aos que dá servizo
- Neste sentido, aludiu a dúas das iniciativas craves no proceso de transformación dixital de Sogama: Traza e Portal do Cliente, interconectadas entre si para facer un seguimento da rastrexabilidade do residuo e propiciar o acceso dos entes locais, en tempo real, á información do seu interese.
Cerceda, 8 de xullo de 2026.- A través dun webinar promovido por DIHGIGAL (Dixital Innovation HUB Industrial de Galicia) e financiado polo IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) co obxectivo de acelerar a dixitalización e modernización dos servizos públicos vinculados á economía circular, o Responsable de Transformación Dixital en Sogama, José Manuel Pallas Regueiro, foi o encargado de explicar o salto dixital abordado por esta empresa pública e os pormenores dunha transición que, sen dúbida, marcará un antes e un despois na xestión da compañía.
Fíxoo logo da sesión de apertura, que correu a cargo da Directora de DIHGIGAL, Josefina Alonso Nocelo, quen puxo en valor o papel desempeñado por Sogama como axente tractor da innovación e a súa firme aposta pola incorporación de novas solucións orientadas á eficiencia operativa, a rastrexabilidade, a dixitalización dos procesos e a mellora continua. Unha evolución que, ao seu xuízo, “sitúa a esta empresa, non só como un referente na xestión de residuos, senón tamén en exemplo de como a tecnoloxía, a colaboración institucional e a sostibilidade poden integrarse para xerar valor ambiental, económico e social para Galicia”.
Infraestrutura de gran magnitude
Neste sentido, Pallas Regueiro fixo especial énfase no protagonismo que adquire o dato e o acceso ao mesmo para optimizar a operativa na xestión dos residuos municipais, tanto por parte de Sogama como por parte dos 304 concellos adheridos ao seu sistema a día de hoxe. Un traballo cuxa complexidade se acrecenta, tal e como sinalou, nunha compañía que conta cunha infraestrutura industrial de gran magnitude para dar servizo a todo o territorio galego, estando conformada por un Complexo Medioambiental de tratamento e un vertedoiro controlado de apoio para os rexeitamentos, ambos os dous sitos en Cerceda, así como por 4 plantas de compostaxe (unha por provincia; Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e unha rede conformada por 37 plantas de transferencia distribuidas estratexicamente por toda a comunidade, ademais de tres terminais de ferrocarril (Guixar, en Vigo; Ou Ceao, en Lugo; e Taboadela, en Ourense) desde as cales os residuos se transportan ata o Complexo cercedense en tren por constituír este un medio máis eficiente e sostible.
Traza e Portal do Cliente: iniciativas estratéxicas
O portavoz de Sogama detallou a secuencia de tarefas abordadas, contando co apoio de empresas tecnolóxicas punteiras en Galicia tales como Inova e Coremain, para dar forma a dúas iniciativas que resultan claves no proceso de transformación dixital da entidade: por unha banda, Traza, plataforma que permite facer un seguimento da rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso; e Portal do Cliente, que se alimenta coa información emanada de Traza e que está chamado a ser a canle de comunicación por excelencia cos concellos, poñendo ao seu dispor, en tempo real, os datos do seu interese, incidencias e mesmo a propia facturación, condensando todo isto nunha contorna dixital única e segura.
José Manuel Pallas concluíu a súa alocución asegurando que Sogama constitúe un caso real, claro e evidente, que acredita a contribución de tecnoloxías como a automatización, a intelixencia artificial e a xestión avanzada do dato a unha administración máis eficiente, transparente e sostible.
Sobre DIHGIGAL
Dixital Innovation Hub Industrial de Galicia é un ecosistema colaborativo e innovador deseñado para impulsar a transformación dixital das empresas industriais en Galicia. Promovido por clústeres estratéxicas da comunidade como CEAGA (Automoción), Aclunaga (Naval), CLUSAGA (Alimentación) e o Clúster TIC, conta co apoio da Xunta de Galicia e centros de coñecemento coma o CESGA e as universidades galegas.
Saúdos, Departamento de Comunicación