
- Segundo datos de Nacións Unidas, o custo social e ambiental anual da contaminación por plásticos oscila entre 300.000 e 600.000 millóns de dólares
- Os microplásticos chegan aos alimentos, a auga e o aire, e calcúlase que cada habitante do planeta consome máis de 50.000 partículas de plástico ao ano
Cerceda, a 4 de xuño de 2025.- O Día Mundial do Medio Ambiente 2025, que se celebra mañá, 5 de xuño, con República de Corea como país anfitrión, pretende chamar a atención sobre a contaminación por plásticos. Con tal fin, uniuse á campaña #BeatPlasticPollution, liderada polo PNUMA, para mobilizar ás comunidades de todo o mundo co fin de aplicar e promover solucións.
11 millóns de toneladas de plástico acaban cada ano en lagoas, ríos e mares, o cal equivale aproximadamente ao peso de 2.200 torres Eiffel xuntas, coa particularidade de que o custo social e ambiental anual da contaminación por plásticos oscila entre 300.000 e 600.000 millóns de dólares.
Pola súa banda, os microplásticos chegan aos alimentos, a auga e o aire, e calcúlase que cada habitante do planeta consome máis de 50.000 partículas de plástico ao ano, e moitas máis se se ten en conta a inhalación.
Na súa mensaxe por este día, o Secretario Xeral da ONU, António Guterres, destacou que “a contaminación por plásticos está a asfixiar o noso planeta, danando os ecosistemas, o benestar e o clima. Os residuos plásticos obstruyen os ríos, contaminan os océanos e poñen en perigo a vida silvestre”, ao que engadiu que “a medida que estes se descompoñen en partes cada vez máis pequenas, infíltranse en todos os recunchos da Terra: desde a cima do monte Everest ata as profundidades do océano; desde o cerebro humano ata o leite materno”.
Guterres resaltou que xa existe un movemento a favor dun cambio urxente cun “crecente” compromiso público, pasos cara á reutilización e unha maior responsabilidade, así como a creación de políticas orientadas a reducir os plásticos dun só uso e mellorar a xestión de residuos. Neste sentido, sinalou que “este ano necesitamos un acordo ambicioso, crible e xusto, que cubra o ciclo de vida do plástico a través da perspectiva das economías circulares, que responda ás necesidades das comunidades, que se aliñe con obxectivos ambientais máis amplos, e que se aplique rápida e integramente”.
É por isto que instou aos negociadores a que “volten ás conversacións en agosto decididos a atopar unha vía común para superar as súas diferenzas e lograr o tratado que o noso mundo necesita”.
Fonte e imaxe: Nacións Unidas