
- Avance do editorial do presidente de Sogama correspondente ao boletín corporativo do presente mes de xullo
Cerceda, a 23 de xullo de 2025.-O Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) cumpriu 25 anos de actividade. Un itinerario con máis de 9.000 días de dedicación e esforzo no que esta infraestrutura demostrou con fartura a súa fortaleza, así como a súa capacidade de adaptación a crises, retos, tecnoloxías de última xeración e obxectivos que case semellaban imposibles de cumprir.
Aquel 20 de xaneiro do ano 2000, cortábase a cinta e despregábase a cortinilla dunha placa que daba o pistoletazo de saída a un proxecto apoiado pola Unión Europea, aínda que moi contestado socialmente por determinados grupos de axitadores, e que marcaría un antes e un despois en Galicia, permitindo o peche e clausura de 300 vertedoiros municipais incontrolados.
A día de hoxe, 295 concellos de toda a comunidade (o 94% do total), e que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes, tratan os seus residuos nun Complexo industrial referente en Europa e dotado con maquinaria específica para recuperar aqueles residuos reciclables que, por erro, chegan a Sogama, e para valorizar enerxeticamente, é dicir, para transformar en enerxía eléctrica, os non reciclables, evitando o seu depósito en vertedoiro, a opción máis contaminante.
Ao longo dos anos introducimos neste Complexo melloras de calado para lograr unha xestión máis sostible e eficiente dos residuos, plenamente respectuosa coa contorna e a saúde das persoas, comprometida coa innovación e a economía circular, e, por suposto, co emprego estable.
Aqueles que anunciaron a apocalipse co nacemento de Sogama, puideron comprobar por si mesmos que todo continúa igual ou mellor. A mellor defensa deste sistema público foi o tempo. O paso dos meses e anos permitiron comprobar o gran salto do municipio de Cerceda a nivel industrial, económico e de emprego, pero tamén a riqueza da súa contorna natural, que segue intacta para goce da poboación, con parques para os seus nenos, terras fértiles para os seus agricultores e pastos esplendorosos para o seu gando. A modo de exemplo, dicir que as vacas, que non viron modificada a súa fisionomía, en contra dos agoiros dalgúns catastrofistas, seguen campando ás súas anchas á beira das instalacións de Sogama, tal e como facían outrora.
Pero, ademais de todo iso, esta infraestrutura permitiu colocar a Galicia entre as comunidades españolas que menos verten e que máis valorizan, sendo o seu obxectivo converter os residuos en recursos, plenamente consciente da necesidade de limitar o consumo das escasas materias primas virxes.
E é que a nosa comunidade soubo ver na protección do medio ambiente unha oportunidade para a calidade de vida da cidadanía, así como para o crecemento, o progreso e a creación de postos de traballo.
Sogama, sempre en constante evolución, é un dos paradigmas desta firme aposta por un futuro sostible. Aínda queda moito por facer. Novas competencias e novos desafíos espérannos: o residuo téxtil e a transformación dixital, os nosos próximos pasos.
Presidente
Javier Domínguez Lino