
- No transcurso das mesmas fíxose especial fincapé na práctica diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e no labor de Sogama a través da recuperación material da parte reciclable contida no lixo en masa e na recuperación enerxética da non reciclable
Cerceda, 13 de outubro de 2025.- A fin de lograr unha maior implicación da comunidade educativa do IES A Chapela (Redondela-Pontevedra) na xestión sostible dos residuos municipais, o centro solicitou a colaboración de Sogama para que os seus educadores impartisen formación e asesoramento ao redor da práctica diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), facendo especial fincapé na correcta separación de refugallos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes, toda vez que constitúe a área que xera máis dúbidas e erros.
Os monitores ao servizo desta empresa pública impartiron un total de tres sesións, dando cobertura a 255 estudantes de diferentes cursos, así como a 15 docentes especialmente interesados en obter a información necesaria para seguir divulgando nas aulas os beneficios da reciclaxe e a importancia de que a cidadanía colabore activamente coa mesma. A pretensión é que os bos hábitos, non só se instauren no instituto, senón que se estendan á contorna familiar e social do alumnado a fin de que teñan continuidade e que mesmo sexan os propios mozos os que leven a cabo unha tarefa educativa e de concienciación na materia.
No transcurso das charlas falouse tamén do sistema de xestión de Sogama, ao que están acollidos 295 concellos, incluído o de Redondela, e cuxo modelo incide na aplicación prioritaria dos tres erres, que complementa coa recuperación material daqueles residuos que, por erro ou descoñecemento, o cidadán introduciu no contedor xenérico, cando o seu destino debería ter sido outro de recollida selectiva, e a recuperación enerxética da parte non reciclable, poñendo en valor un refugallo que, doutra forma, acabaría enterrado en vertedoiro, a peor das opcións debido á súa alta carga contaminante e á ameaza que representa para o medio ambiente e a saúde.
Unha das cuestións que suscitou gran curiosidade foi a compostaxe da materia orgánica, tanto na súa dimensión doméstica como industrial, e a operativa a levar a cabo en cada caso para a obtención do abono final, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
Saúdos, Departamento de Comunicación