- A empresa pública remitirá ao Concello outros tantos composteiros domésticos, sumando un total de 160 os achegados ata o de agora
- Tamén se puxo a disposición do ente local para impartir unha sesión formativa presencial destinada aos veciños participantes
Cerceda, 21 de outubro de 2026.- Co fin de axudar ao Concello de Boiro (A Coruña) a xestionar a materia orgánica conforme á lexislación vixente, Sogama remitirá a este municipio unha nova partida de 40 composteiros domésticos, sumando así un total de 160 os fogares adscritos ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola empresa.
Máis aló de propiciar a recollida diferenciada da materia orgánica a través dos contedores marróns para a súa posterior transformación en compost na planta de biorresiduos que a Sociedade Galega do Medio Ambiente ten na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa, o Concello de Boiro tamén quere ampliar a autocompostaxe a aquelas vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o abono resultante.
Ademais de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento de animais domésticos ou elaboración de compost, a dotación de composteiros permite facela máis eficiente, cómoda e hixiénica. Así mesmo, evítase que esta fracción acabe depositada nos contedores xenéricos, o que permite ao ente local aforrar custos, tanto ambientais como económicos, derivados da recollida e transporte, así como do posterior tratamento en planta industrial.
Formación para un resultado exitoso
A compañía tamén se puxo a disposición do Concello para impartir un curso de formación presencial orientado a explicar a operativa a seguir e resolver todas as dúbidas que os asistentes poidan presentar. Este curso sería aproveitado igualmente para profundar no sistema de recollida selectiva e lembrar as tipoloxías de residuos que deben introducirse en cada contedor para garantir a súa reciclaxe.
Os interesados dispoñen de toda a información sobre a autoxestión da materia orgánica na páxina web da entidade https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/, onde se describen os pasos a dar para obter un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para permitir o acceso dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de refugallos que deben, e non deben, depositarse no mesmo, o seguimento e control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade, así como as posibles aplicacións do abono resultante.
Saúdos, Departamento de Comunicación