- Esta nova convocatoria busca atraer proxectos de alto potencial que ofrezan solucións aos principais retos ambientais e de economía circular
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 30 de decembro
Cerceda, 13 de novembro de 2025.-Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), abriu a convocatoria para a súa terceira edición.
Emprendedores, startups e proxectos innovadores con foco na sostibilidade ambiental e o impacto positivo no clima, teñen unha oportunidade para impulsar o seu crecemento grazas a este programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia.
Logo do éxito das dúas edicións anteriores, esta nova convocatoria busca atraer proxectos de alto potencial que ofrezan solucións aos principais retos ambientais e de economía circular. Pode postularse calquera equipo emprendedor -nacional e internacional- cun proxecto innovador aliñado cos retos do programa. O prazo de inscrición conclúe o próximo 30 de decembro.
Estrutura e operativa
O programa de BF ClimaTech está estruturado en tres itinerarios, adaptados ao nivel de madurez de cada proxecto: incubación para ideas e proxectos incipientes; aceleración, dirixido a startups cunha solución xa probada que buscan escalar; e consolidación, enfocado en empresas xa establecidas que desexen lanzar unha nova liña de negocio ou expandir o seu mercado. No transcurso de cada itinerario, a aceleradora achegará ás iniciativas seleccionadas plans adaptados ás súas necesidades, recursos técnicos e económicos, formación e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e outros axentes do ecosistema.
Colaboran activamente neste programa distintas empresas tractoras que achegan mentorización, coñecemento e recursos, como é o caso de Sogama, Coregal, Agroamb, Viaqua e Valtalia, entre outras, coa particularidade de que as entidades científicas aseguran a viabilidade e o rigor técnico das propostas: Aimen, Anfaco-Cytma, CTAG, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, ITG, CRETUS-USC, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
A aceleradora impulsou un total de 20 proxectos nas dúas primeiras edicións, demostrando o potencial innovador do sector ambiental.
Fonte e imaxe: BF ClimaTech