
- A empresa pública executará actuacións nas plantas de transferencia, 4 plantas de compostaxe, o propio Complexo Medioambiental de Cerceda e nas dúas terminais ferroviarias Adif Lugo e Taboadela
- A plataforma TRAZA enmárcase no proceso de transformación dixital no que está inmersa Sogama a fin de avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso
Cerceda, a 5 de mayo de 2025.- Sogama adxudicou, por un importe de 1.038.911 euros, e cun prazo de execución do contrato de 2 meses e 7 días, as obras a acometer na súa infraestrutura industrial co fin de instalar os equipos necesarios para levar a cabo a rastrexabilidade dos residuos xestionados na mesma. Concretamente, executará actuacións, segundo as memorias técnicas achegadas, nas plantas de transferencia, nas 4 plantas de compostaxe (Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra); no Complexo Medioambiental de Cerceda; e nas dúas terminais ferroviarias de Adif Lugo e Adif Taboadela, en Ourense.
A plataforma TRAZA, enmarcada no proceso de transformación dixital no que está inmersa Sogama, tanto a nivel industrial como administrativo, ten por obxecto avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidad do residuo desde que entra nas instalacións desta Sociedade ata que sae das mesmas convertido en recurso, ben para ser reciclado ou ben convertido xa en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable. Isto permitirá á empresa pública ofrecer un servizo adicional aos concellos para unha xestión eficiente da documentación, co conseguinte aforro de tempos, constituíndo o dato un elemento esencial para a toma de decisións.
Portal do Cliente, en desenvolvemento
Tamén dentro do seu plan de transformación dixital (R-Dixital), e precisamente vinculado ao proxecto TRAZA, Sogama xa está a traballar no desenvolvemento do denominado “Portal do Cliente” a fin de optimizar as comunicacións cos 295 entes locais aos que dá servizo, propiciando así o intercambio de información de interese.
O portal, que se concibe como unha solución integral, dinámica e intuitiva, con acceso centralizado e en tempo real, ofrecerá aos usuarios unha contorna dixital na que poderán consultar información actualizada, recibir alertas e notificacións, trasladar solicitudes e suxestións, xestionar distinta documentación e axilizar a tramitación administrativa.
As entidades locais terán acceso, entre moitos outros, aos datos vinculados ás fraccións de residuos xestionadas por Sogama, contratos entre as partes, xeración de informes personalizados a partir das consultas recibidas, alertas, avisos etc. Así mesmo, o portal incorporará a posibilidade de obter proxeccións a futuro da evolución da xeración de distintos tipos de residuo, acompañadas dunha porcentaxe de fiabilidade, presentando escenarios probables e facilitando a anticipación aos cambios.
Saúdos, Departamento de Comunicación