- O grupo estaba conformado por 55 esclares de 5º e 6º curso de Educación Primaria, os cales tiveron a oportunidade de realizar unha viaxe virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura central desta empresa pública
Cerceda, 31 de outubro de 2025.- Máis de medio cento de escolares de 5º e 6º de Primaria do Colexio La Salle de Ferrol desprazáronse ata o municipio coruñés de Cerceda para coñecer a operativa do Complexo Medioambiental de Sogama, onde se somenten a tratamento os residuos que os ferroláns producen cada día.
Atendidos por educadores especializados, recibiron explicacións sobre o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), constituíndo este o principal instrumento co que contan os cidadáns para colaborar na correcta xestión dos refugallos, facéndoa máis sostible.
Partindo da premisa de que o mellor residuo é o que non se produce, incidiuse na importancia da prevención e a diminución da xeración de lixo con sinxelos xestos tales como levar a propia bolsa ao mercado ou optar pola adquisición de produtos a granel e co mínimo envase e envoltorio.
Falouse tamén da reutilización, xa que, cun pouco de imaxinación, pódese alongar a vida útil de numerosos artigos e, por suposto, da correcta separación de materiais e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados para garantir desta forma unha reciclaxe de calidade. Con isto, permítese a transformación dos residuos en materias primas que se reincoporan ao circuíto comercial cunha nova vida, contribuíndo así a preservar os escasos e limitados recursos naturais.
As preguntas formuladas polos escolares sobre o destino de distintos materiais foron recurrentes, o que denota o interese en facer un bo traballo previo e contribuír, coa súa achega, a unha maior reciclaxe e, por tanto, a unha maior protección da contorna.
Na segunda parte da xornada puideron realizar unha visita virtual (para a que foron equipados con lentes inmersivas 360º), polas distintas instalacións que conforman o Complexo industrial e polas que discorren os residuos para ser tratados. Primeiro, clasificando, con tecnoloxías de última xeración, aqueles que son reciclables e, logo, acondicionando cos non reciclables un combustible CDR que é valorizado para producir enerxía eléctrica dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente.
A xornada culminou con competicións nas máquinas de xogos arcade sobre recollida selectiva e un coloquio durante o cal se tomou boa nota das observacións e comentarios dos pequenos.
Saúdos, Departamento de Comunicación