- Heilbronn (Alemaña) gañou o Premio Capital Verde Europea, e Assen (Países Baixos) e Siena (Italia), os premios Folla Verde Europea
- A xestión sostible dos residuos urbanos constituíu un dos parámetros de peso avaliados por un xurado de expertos
Cerceda, 27 de outubro de 2025.-Os gañadores dos dous premios máis prestixiosos de Cidades Verdes Europeas para 2027 foron anunciados a principios deste mes de outubro en Vilna durante unha cerimonia festiva celebrada na Galería Nacional de Arte de Lituania.
En 2027, Heilbronn (Alemaña) será a Capital Verde Europea, mentres que Assen (Países Baixos) e Siena (Italia), fixéronse cos premios European Green Leaf Awards -para cidades máis pequenas-.
O xurado, conformado por un panel internacional de expertos independentes en sostibilidade urbana, outorgou a Heilbronn o título de Capital Verde Europea 2027 baseándose nas altas puntuacións que recibiu a cidade en calidade do aire, auga, ruído, adaptación ao cambio climático, o seu plan de paisaxe 2030, o concepto de mobilidade e a economía circular, destacando tamén a colaboración cidadá a través de plataformas participativas, campañas de concienciación e de protección de zonas tranquilas. Igualmente, os avaliadores tiveron en conta os ambiciosos obxectivos da urbe para 2035, así como as colaboracións rexionais que construíu para mellorar, aínda máis, a calidade do aire e a redución do ruído.
Heilbronn sucederá ao campión de 2025, Vilna (Lituania), e ao campión de 2026, Guimarães (Portugal).
Respecto a Assen e Siena, destacaron polos seus enfoques exemplares para involucrar ás súas comunidades na transición verde. No caso de Assen, as súas políticas innovadoras de xestión de residuos, que inclúen unha mellor recollida de envases de plástico, metal e bebidas (PMD) e iniciativas coma os Repair Cafés, demostran a redución de residuos e a recuperación de materiais contidos nos mesmos, impulsando así a economía circular.
A cidade logrou importantes reducións de CO₂ mediante a modernización de edificios, a descarbonización das operacións municipais e proxectos innovadores coma o Xardín de Enerxía, sendo tamén relevante a autoestrada ciclista a Groningen como exemplo de mobilidade sostible orientada a reducir as emisións.
Pola súa banda, Siena distinguiuse polas súas áreas verdes e o uso sostible da terra, así coma polos seus eficaces sistemas de xestión de residuos. De feito, a superficie total de zonas verdes públicas nesta urbe aumentou grazas ao investimento público ao crear novos parques urbanos, dando como resultado unha media de 28 m² de zonas verdes públicas per cápita.
A cidade reciclou un 61,4 % dos seus residuos municipais e reduciu a vertedura a tan só o 1 %, coa particularidade de que promove programas de participación cidadá vinculados á reutilización, a reparación e as prácticas de economía circular.
As tres cidades recibirán premios económicos. O de Heilbronn ascenderá a 600.000 €, e o de Assen e Siena, a 200.000 € para cada unha.
Contexto
A UE recoñece que as cidades desempeñan un papel crucial na creación dunha sociedade baixa en carbono, eficiente no uso dos recursos, limpa, sostible e resiliente. Con máis do 70 % dos europeos vivindo en zonas urbanas, as cidades desempeñan un papel importante na transformación ambiental e económica.
O Premio Capital Verde Europea foi lanzado en 2010 pola Comisión para alentar ás cidades a ser máis verdes e limpas e, desta maneira, mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns.O Premio Folla Verde Europeo creouse para recoñecer os esforzos e logros ambientais das urbes máis pequenas (entre 20.000 e 100.000 habitantes).
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay