
- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, no transcurso da súa intervención no IV Encontro ESGREM, que tivo lugar na sede do Consello Insular de Ibiza
- Alí falou do coñecemento e experiencia desta empresa pública na compostaxe, tanto industrial como doméstica, así como dos investimentos realizados para o seu correcto desenvolvemento
Cerceda, a 2 de maio de 2025.- O presidente de Sogama viaxou en días pasados a Eivissa para participar no IV Encontro ESGREM, celebrado na sede do Consello Insular, onde falou do coñecemento e experiencia de Sogama na compostaxe. Alí subliñou a firme aposta desta entidade pública pola transformación da materia orgánica en abono natural, e o apoio dispensado aos concellos galegos para cumprir a lei, con obrigación de implantar a recollida diferenciada desta fracción antes do 1 de xaneiro de 2024.
É por isto que a Xunta encargou a esta empresa pública a construción e xestión dunha rede de infraestruturas para a compostaxe industrial, que hoxe está conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e 13 plantas de transferencia de apoio que foron equipadas cunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos recollidos a través do contedor marrón. O obxectivo último é que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitíndolles aforrar custos ambientais (menos emisións de CO2) e económicos.
A esta rede, Sogama destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos Feder REACT-EU, como resposta da Unión Europea á crise do COVID.
A día de hoxe, son 74 os entes locais que fan uso destas 4 plantas de compostaxe, unha cifra aínda insuficiente, pero que vai crecendo progresivamente, do mesmo xeito que o fan as toneladas de materia orgánica compostadas, que pasaron de 566 en 2022 a 3.103 en 2024.
No transcurso da súa exposición, Javier Domínguez insistiu en que, ademais de ser unha obrigación legal, o canon a pagar polos concellos en concepto de tratamento de materia orgánica ascende a 51,4 euros/tonelada, cando o da bolsa negra se sitúa este ano 2025 en 95 euros/tonelada, con posibilidade de baixar ata os 83 euros/tonelada se os entes locais se acollen a un canon reducido, que está condicionado ao cumprimento de requisitos de redución da produción de residuos ou ben de reciclaxe.
Más de 23.000 composteiros domésticos repartidos
Así mesmo, referiuse ao programa de compostaxe doméstico liderado por Sogama na comunidade galega e que conta cun total de 483 entidades adscritas (233 concellos, 218 centros educativos e 32 colectivos sociais), entre as que Sogama repartiu, de forma gratuíta, máis de 23.000 composteiros, encargándose tamén de instruír á veciñanza participante. “Está a funcionar moi ben porque, á fin e ao cabo, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis hixiénica, cómoda e eficiente propiciada polo compostador”, sinalou.
Domínguez Lino participou tamén nunha mesa redonda na que estivo acompañado por Vanessa Abada, directora da área de Tratamento do Consorci per á gestió dels residus do Vallès Oriental; Eduardo Ramón, Técnico de apoio a Xerencia en EMTRE; e Noemí Iglesias, Directora de Infraestruturas e Planificación do Consorci per á gestió de residus do Vallès Occidental.
Saúdos, Departamento de Comunicación