- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente ao boletín corporativo do presente mes de decembro
Cerceda, 16 de decembro de 2025.-Transformación dixital, recuperación do residuo téxtil e descarbonización. Estes son os tres piares que sustentan o novo Plan Estratéxico de Sogama e cuxos cimentos ancoramos este mesmo ano, pero cunha visión a 2030.
O proceso de dixitalización dunha infraestrutura que xestiona anualmente da orde de 800.000 toneladas de residuos municipais, representa todo un reto para unha empresa pública que dá cobertura ao conxunto do territorio galego e que, ademais do tratamento dos refugallos nun Complexo Ambiental conformado por diversas instalacións con labores diferentes, aínda que interrelacionadas entre si, asume tamén a operativa de 37 plantas de transferencia distribuídas por toda a comunidade e o transporte desde as mesmas ata o epicentro de tratamento.
Incorporar a rastrexabilidade do residuo, constitúe unha prioridade, tanto para nós como para os 295 concellos aos que damos servizo. Porque coñecer a situación do refugallo en cada momento, permitiranos levar a cabo unha xestión máis preditiva, preventiva e segura, o que se traduce en mellores prestacións para os máis de 2,2 millóns de habitantes adscritos ao modelo impulsado por esta entidade pública.
Unha tarefa contrarreloxo con múltiples imprevistos e esixencias, xa que non só require da intervención de Sogama, senón que precisa do traballo activo e proactivo dos servizos de recollida municipal, que están a facer fronte a un novo escenario que require a súa colaboración, comprensión e, en moitos casos, duns coñecementos dos que, ata o de agora, non dispoñían. Isto, á súa vez, esixe maior empatía e coordinación entre todos os que, directa ou indirectamente, nos embarcamos neste apaixonante proxecto. Así o entendemos e así estamos a avanzar da man cara a un obxectivo común: maior eficiencia co menor gasto posible.
Todos os datos que conseguiremos recabar de forma dixital, estarán ao dispor dos entes locais nunha plataforma denominada “Portal do cliente”, a través da cal terán a oportunidade de coñecer, en tempo real, múltiples variables que afectan á súa xestión, o que lles permitirá tomar decisións máis axustadas á realidade e incidir naqueles aspectos que requiran maior atención para cumprir coas esixencias normativas en materia de residuos.
Desde a dimensión puramente industrial, tanto a robotización como a intelixencia artificial abrirán a porta a un maior rendemento e, sobre todo, a unha maior recuperación dos residuos potencialmente reciclables. Agora ben, a correcta separación dos mesmos en orixe por parte da cidadanía continuará a ser esencial para lograr unha reciclaxe de calidade que permita diminuír o consumo de enerxía e materias primas virxes.
Porque xestionar de forma intelixente os nosos residuos, alomenos de momento, require aínda de certa dose de conciencia e sentido común.
Presidente
Javier Domínguez Lino
* Ligazón boletín informativo Sogama decembro 2025: https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/pdf/2025-12/newsletter62_ok.pdf