
- Estivo o pasado sábado, 7 de xuño, na Praza do Pazo, formando parte da primeira feira de medio ambiente celebrada na localidade pontevedresa
- Monitoras especializadas explicaron aos transeúntes a problemática que entraña o feito de depositar un residuo no contedor equivocado, xa que contamina o resto do material, retarda e encarece o proceso de separación nas plantas de tratamento, e desperdicia recursos valiosos
- Con esta iniciativa preténdese amosar visualmente os erros máis comúns, e para isto emprega un concepto tan coñecido coma o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores
Cerceda, ao 9 de xuño de 2025.- A aula itinerante da campaña promovida por Sogama para mellorar as taxas de reciclaxe “Separa. Depende de ti”, arrincou o pasado sábado, 7 de xuño, no municipio de Sanxenxo (Pontevedra), concretamente na Praza do Pazo, coincidindo coa celebración da primeira feira de medio ambiente na localidade.
Un stand atendido por monitoras especializadas en xestión de residuos, serviu de escenario para explicar aos transeúntes a problemática que entraña depositar un residuo no contedor equivocado, xa que se contamina o resto do material, coa particularidade de que separar os impropios nas plantas de tratamento retarda e encarece o proceso, co risco engadido de desperdiciar recursos valiosos contidos nos residuos.
Por exemplo, un brik de leite no contedor azul, unha lata de conserva no xenérico ou un espello no contedor de vidro, estarían catalogados como residuos impropios, e aínda que poidan parecer pequenos erros, teñen importantes consecuencias.
A iniciativa pretende amosar visualmente os erros máis comúns e, con tal fin, emprega un concepto tan coñecido coma o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores. Cando se fai de forma correcta, dámoslles unha nova oportunidade a través da reciclaxe e propiciamos a súa conversión en novos produtos, contribuíndo a reducir a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, a minimizar os niveis de contaminación, a aforrar enerxía e, moi importante, a posibilitar que se xeren postos de traballo en empresas de recollida, plantas de tratamento e fabricación de novos artigos.
Dinámica
A través desta aula, instrúese aos cidadáns sobre o que deben e non deben introducir nos principais contedores para evitar a presenza de impropios nos mesmos: contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; marrón, para materia orgánica, e xenérico, para fracción resto.
Para isto utilízanse gráficas nas que se mostran os cinco principais contedores que atopamos nas rúas (amarelo, azul, marrón, iglú verde e xenérico), especificando os materiais que deben introducirse en cada un e, representando con manchas de cores, os impropios, que corresponderían a outros recipientes.
Co obxectivo de ampliar e afianzar os coñecementos adquiridos, a carpa está equipada cun xogo, conformado por cinco caixas de acrílico transparente (correspondentes aos cinco principais contedores dispostos nas rúas) cheas de pelotas da mesma cor do recipiente a estudar, que dispón dunha abertura para que os participantes introduzan a súa man e localicen, nun espazo moi limitado de tempo, a pelota de diferente cor, que simbolizaría un impropio.
Á vez que se desenvolve a dinámica lúdica, as educadoras van resolvendo dúbidas. Os participantes deben ir pasando por todas as caixas e, ao final do percorrido, faise un reconto das pelotas diferentes recompiladas, gratificándoos con agasallos e material divulgativo.
Máis información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación