
- Atendida por educadores especializados e enmarcada na campaña “Separa. Ti decides”, promovida por esta empresa pública, estivo onte nesta localidade ourensá para explicar aos transeúntes os beneficios que ten a colaboración cidadá na xestión sostible do lixo
- A iniciativa centra a atención nos impropios, é dicir, naqueles refugallos que se tiran ao contedor equivocado (por descoñecemento, descoido ou falta de concienciación), e que acaban contaminando os que son depositados correctamente, limitando e mesmo impedindo a súa posterior recuperación
Cerceda, a 17 de xullo de 2025.- A aula itinerante enmarcada na campaña “Separa. Ti decides”, promovida por Sogama, fixo unha parada na localidade ourensá do Carballiño para instruír á súa veciñanza na correcta segregación de residuos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores axeitados para garantir o seu posterior reciclado.
Atendida por monitores especializados, estivo ao dispor dos transeúntes no día de onte, coincidindo coa feira de mes. Os que se achegaron á carpa recibiron explicacións sobre os materiais que poden, e non poden, introducirse nos principais contedores de recollida selectiva habilitados nas rúas (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto), así como os grandes beneficios que ten a colaboración cidadá, xa que, sen a súa axuda, a reciclaxe non é viable.
A campaña pon o foco de atención nos denominados impropios, que son aqueles residuos que se tiran ao contedor equivocado (por descoñecemento, descoido ou falta de concienciación), e que acaban contaminando os que son correctamente depositados, limitando e mesmo impedindo a súa posterior recuperación.
A aula conta con paneis que ilustran o proceso a través de debuxos e gráficos, e está equipada con urnas nas que os visitantes poden atopar pelotas de cores para realizar distintos xogos, transmitindo a mensaxe de que separar residuos en tan sinxelo como non mesturar cores. Aqueles que superaron as probas de coñecemento, foron gratificados con distintos premios.
Sogama lembra que clasificar os residuos en orixe e levalos ao contedor correspondente, non só trae consigo beneficios para o medio ambiente e o benestar social, senón que tamén supón un gran aforro, de enerxía, materias primas virxes e diñeiro.
A campaña está ao dispor dos interesados na páxina web da entidade https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación