- En 2023, a Unión Europea rexistrou unha media de 32,2 kg de aparellos eléctricos e electrónicos comercializados por persoa fronte a só 11,6 kg de RAEE recollidos, o que evidencia un crecemento sostido do stock de dispositivos
Cerceda, 3 de novembro de 2025.- En 2023, puxéronse no mercado 32,2 kg de novos aparellos eléctricos e electrónicos (AEE) por habitante, pero a Unión Europa só rexistrou oficialmente a recollida de 11,6 kg de residuos.
Esta diferenza de 20,6 kg por persoa revela un aumento do stock de dispositivos, xa sexa porque continúan en uso, están almacenados, pendentes de eliminación ou se perden debido a tratamentos informais e non controlados.
A análise histórica mostra un incremento do 78% na comercialización de AEE entre 2015 e 2023, pasando de 18,1 kg por persoa aos actuais 32,2 kg. Este crecemento reflicte o impacto do consumo tecnolóxico e a rápida substitución de dispositivos nos fogares europeos.
En canto á distribución por países, os Países Baixos encabezaron a lista con 45,4 kg de AEE comercializados por persoa, seguidos por Alemaña (38,9 kg) e Austria (35,1 kg). No extremo oposto, Chipre rexistrou a cifra máis baixa, con 14,8 kg, seguido por Eslovaquia (15,8 kg) e Bulgaria (17,9 kg).
Estes datos poñen de manifesto diferenzas significativas no consumo e renovación tecnolóxica entre os Estados membros, vinculadas tanto ao poder adquisitivo como ao grao de dixitalización.
A recollida de residuos crece, pero a menor ritmo
Entre 2015 e 2023, a recollida de residuos electrónicos na UE aumentou un 60%, pasando de 7,3 kg a 11,6 kg por persoa, aínda que este ritmo de crecemento continúa a ser inferior ao dos novos dispositivos postos no mercado.
Os países con maiores volumes de recollida por habitante foron Bulgaria (17,9 kg), Chequia (16,8 kg) e Austria (15,9 kg). Pola contra, as cifras máis baixas rexistráronse en Chipre (3,8 kg), Malta e Portugal (5,8 kg cada un), evidenciando disparidades nas infraestruturas de xestión de residuos electrónicos.
Bulgaria, un caso excepcional
Un dato destacable é que Bulgaria posiciónase como o único país da UE onde a recollida de RAEE iguala á cantidade de produtos comercializados, con 17,9 kg por persoa en cada categoría. No extremo contrario, os Países Baixos presentan un desequilibrio notable: 45,4 kg de produtos comercializados fronte a só 12,3 kg recollidos como refugallos, case catro veces menos.
A brecha entre os dispositivos vendidos e os residuos recuperados expón un reto crecente para a economía circular europea. O volume de aparellos que permanecen sen recoller ou xestionarse axeitadamente dificulta a reciclaxe de materiais valiosos e aumenta o impacto ambiental.
Fonte: Eurostat