
- Recibe, de mans de Sogama, 25 composteiros que distribuirá entre outras tantas vivendas para que estas poidan elaborar o seu propio abono natural e utilizalo nos seus terreos
- A fin de que a operativa se leve a cabo de forma axeitada, a empresa pública proporcionará ao ente local manuais didácticos de apoio, que entregará aos usuarios, e impartirá proximamente un curso de formación presencial
Cerceda, a 21 de abril de 2025.- O Concello de Beade (Ourense) decidiu potenciar a compostaxe doméstica como fórmula coa que aforrar custos, tanto ambientais, xa que esta modalidade de tratamento da materia orgánica diminúe a frecuencia da recollida e transporte de residuos, minorando as emisións de CO2 á atmosfera, como económicos, debido á redución da cantidade de residuos destinados a tratamento en planta industrial.
Recuperar unha práctica tradicional no medio rural como é a autoxestión da fracción orgánica nas propias vivendas, permite á veciñanza elaborar o seu propio compost, que, polo xeral, cumpre con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente, e aplicalo en xardíns, terras de cultivo e hortas con totais garantías, en substitución dos fertilizantes artificiais. O abono obtido a través deste proceso, 100% natural, non só achega nutrientes ao solo, senón que tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Ademais do composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, e que posibilita un proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente, os usuarios recibirán tamén un manual didáctico, que lles servirá de guía no seu día a día, pois, no só explica o proceso de forma pormenorizada, senón que dá resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes.
Así mesmo, poderán asistir a un curso de formación presencial, que se celebrará o próximo 30 de abril, ás 19:30 horas, nas escola de Beade, e no que técnicos de Sogama mostrarán a operativa a seguir e os pasos para dar, detallando os residuos que deben e non deben introducirse no composteiro, onde colocalo, como ir alternando os materiais secos e húmidos co fin de que a mestura sexa equilibrada, que parámetros deben controlarse (é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade), e aplicacións do compost resultante.
Saúdos, Departamento de Comunicación