 
- Desde 2013, a xeración per cápita aumentou en máis de 20 kg.
- Segundo os últimos datos de Eurostat, a reciclaxe de envases plásticos continúa a ser un gran desafío, con só dous países cumprindo o obxectivo do 55% esixido pola directiva europea de envases
Cerceda, 29 de outubro de 2025.- Segundo os últimos datos publicados por Eurostat no seu informe Packaging Waste Statistics (actualización 2025), a Unión Europea produciu en 2023 un total de 79,7 millóns de toneladas de residuos de envases, o que equivale a 177,8 kg por habitante. Aínda que é unha cifra menor que a de 2022 (-8,7 kg por persoa), o certo é que confirma unha tendencia de crecemento a longo prazo: desde 2013, a xeración per cápita aumentou en máis de 20 kg.
Atendendo á composición por materiais, o papel e o cartón é o principal, con 32,3 millóns de toneladas (40,4% do total), debido sobre todo ao comercio electrónico e embalaxe loxística. Séguenlle os plásticos (15,8 millóns, 19,8%), o vidro (15 millóns, 18,8%) e a madeira (12,6 millóns, 15,8%). Os metais (case 4 millóns, 4,9%) e outros materiais completan o resto.
A xeración de residuos de envases por habitante mostra amplas disparidades. Como líder da clasificación atópase Irlanda, con 223 kg por persoa, seguida de Italia (219,5 kg) e Alemaña (215,2 kg). España, con case 180 kg por persoa, sitúase lixeiramente por riba da media europea (177,8 kg). No extremo oposto, Bulgaria, con 80,9 kg por habitante.
Estas diferenzas responden a factores estruturais: consumo interno, modelos de distribución, peso da industria alimentaria e eficiencia dos sistemas de recollida selectiva.
Mellora da reciclaxe, pero con distintos ritmos
A taxa media de reciclaxe de residuos de envases na UE alcanzou o 67,5% en 2023, incrementándose respecto a anos anteriores e situándose moi preto do obxectivo do 70% fixado pola Directiva 94/62/CE para 2030.
Os países líderes son Bélxica (79,7%), Países Baixos (75,8%), Italia (75,6%), Chequia (74,8%) e Eslovenia (73,6%). Tamén España, cunha media do 70,5 %. No outro extremo figuran Romanía (37,3%), Hungría (42,8%), Malta (44,4%) e Grecia (48%), todos eles aínda por baixo do 50%.
A reciclaxe de envases plásticos continúa a ser un gran desafío. En 2023, só Bélxica (59,5%) e Letonia (59,2%) alcanzaron a meta do 55% esixida pola directiva europea de envases. España mantense ao redor do 46%, por riba da media continental (42,1%). Os países con menores taxas —Hungría, Francia, Austria e Dinamarca— non superan o 30%.
Este baixo rendemento do plástico reflicte tanto limitacións tecnolóxicas (clasificación, contaminación do material, reciclabilidade efectiva) como deficiencias de mercado, dado que os plásticos reciclados compiten aínda cos prezos baixos dos polímeros virxes.
En canto ao consumo de bolsas de plástico lixeiras (menos de 50 micras), segue reducíndose, aínda que persisten diferenzas notables. En 2023, a media europea situouse en 65 bolsas por habitante, un descenso do 3% respecto a 2022. Bélxica, con apenas 4 bolsas por persoa, e Suecia, con 7, son exemplos de políticas efectivas de redución. España rexistrou unha diminución significativa no últimos cinco anos, ao redor de 100 bolsas menos, aínda que se consomen máis de 80 bolsas lixeiras por persoa.
Medidas para avanzar
Os datos de Eurostat apuntan a un escenario de mellora gradual, pero insuficiente. A consolidación da reciclaxe de alta calidade, o investimento en infraestruturas de clasificación automatizada, a harmonización de sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP) e a prevención no deseño de envases serán claves para lograr os obxectivos do Pacto Verde Europeo.
Así, a xestión de residuos de envases en Europa avanza, pero o ritmo actual non garante por si só o cumprimento das metas de circularidade para 2030. A aposta pola innovación tecnolóxica, a rastrexabilidade de materiais e a cooperación entre administracións e sector privado serán determinantes para transformar os residuos de envases en verdadeiros recursos.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Freepik
