
- Sogama estivo presente nesta cita cunha aula itinerante, atendida por monitores especializados, a través da cal se resolveron dúbidas sobre a recollida selectiva de residuos, á vez que se mostraron, dunha forma lúdica e amena, os grandes beneficios da reciclaxe
- A iniciativa pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, aqueles refugallos que, por erro ou descoñecemento, son depositados pola poboación no contedor equivocado, dificultando ou impedindo a recuperación do resto dos materiais
Cervo, a 30 de xuño de 2025.- A aula itinerante da campaña de educación ambiental promovida por Sogama “Separa. Depende de ti”, sumouse onte á Feira da Rapazada de Silleda (Pontevedra) co obxectivo de informar e formar aos máis novos na correcta separación de residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes. Un xesto indispensable para garantir unha reciclaxe de calidade.
Atendida por monitores especializados, as explicacións destes centráronse en discriminar o que debe, e non debe, depositarse en cada un dos cinco contedores principais presentes nas rúas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto.
O foco da campaña diríxese cara aos denominados “impropios”, é dicir, aqueles refugallos que, por erro ou descoñecemento da poboación, acaban introducidos no contedor equivocado, limitando, e en moitos casos imposibilitando, a reciclaxe do resto dos materiais. A fin de resolver dúbidas, Sogama recorreu a un concepto visual tan coñecido como é o das manchas, transmitindo a mensaxe de que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores.
Para isto, a carpa está dotada con 5 urnas representativas dos contedores habituais e nas que os participantes podían atopar, de forma maioritaria, bólas da mesma cor do recipiente e outras de cores diferentes. Unha vez identificadas estas últimas, e logo de completar o itinerario establecido, poñían a proba os seus coñecementos sobre reciclaxe, tendo a oportunidade de facerse con distintos premios.
A aula completábase con distintos paneis informativos sobre a recollida diferenciada de residuos e a través dos cales se pretendía incentivar a colaboración cidadá, amosando os beneficios da reciclaxe, tanto para o medio ambiente como para a saúde, a calidade de vida e a propia economía.
Toda a información sobre esta iniciativa en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Exemplos de como a reciclaxe contribúe ao aforro
- Por cada tonelada de cartón reciclado, afórrase o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante 6 meses.
- Reciclar 3 botellas de vidro aforra a enerxía que se precisa para cargar un teléfono móbil durante todo un ano.
- Son necesarios 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza.
- Por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Saúdos, Departamento de Comunicación