
- Mentres que, en 2017, puxéronse no mercado 241 bolsas por habitante, en 2023 foron 142, un 40% menos
- Con estes datos, pódese dicir que se están a cumprir os obxectivos do Real Decreto 293/2018, que pretendía reducir o consumo de bolsas plásticas, apostar pola reutilización e polo uso de materiais compostables, e definía as características que debían cumprir as bolsas que se puxeran no mercado desde entón
- Tendo en conta a norma, non deberían entregarse en ningún establecemento bolsas de plástico tradicional con espesor inferior a 50 micras.
Cerceda, a 28 de xullo de 2025.- Desde a aprobación do Real Decreto 293/2018, de 18 de maio, sobre a redución do consumo de bolsas de plástico e polo que se crea o Rexistro de Produtores, a cantidade de bolsas plásticas que se poñen no mercado cada ano en España descendeu un 40%.
Mentres que, nese ano, o mercado español consumiu 11.238 millóns de bolsas de plástico, en 2023, último exercicio do que hai datos dispoñibles, a cifra redúcese a 6.890 millóns. E, atendendo ao consumo por habitante, en 2017 puxéronse no mercado 241 bolsas por habitante, mentres que en 2023 foron 142, un 40% menos.
Con estas cifras, pódese dicir que se están a cumprir os obxectivos do Real Decreto, que tamén apostaba pola reutilización e polo uso de materiais compostables, definindo as características que debían cumprir as bolsas que se puxeran no mercado desde entón:
- Bolsas de plástico con espesor igual ou superior a 50 micras e un contido de alomenos o 50% de material reciclado. Deseñadas para ser reutilizables, refúganse no contedor amarelo ao final da súa vida útil e poden fabricarse conforme á Norma UNE 53930-1 e 2. Utilízanse nas liñas de caixa dos supermercados e no comercio en xeral, e adóitase cobrar por elas, sendo obrigatorio se teñen máis do 70% de plástico reciclado.
- Bolsas lixeiras (de entre 15 e 49 micras) e moi lixeiras (de menos de 15 micras) fabricadas en material compostable segundo a Norma Europea UNE-EN 13432. Son dun só uso e utilízanse principalmente na sección de froitas e verduras dos supermercados. Ao final da súa vida útil refúganse no contedor orgánico para ser compostadas. As de menos de 15 micras non están suxeitas a obrigación de cobro, as de 15 a 49 micras, si.
Tendo en conta a norma, non deberían entregarse en ningún establecemento bolsas de plástico tradicional con espesor inferior a 50 micras. Se hai establecementos que o fan, están a incumprir a lexislación vixente, comprando bolsas a provedores fraudulentos.
Consumo de bolsas por material
Se se desagregan os datos en función das materias primas que se utilizan, compróbase que a produción de bolsas de plástico tradicional −fabricadas con polietileno e que desde o Real Decreto deben incluír alomenos o 50% de material reciclado− caeu desde os 11.198 millóns ata os 3.677, é dicir, de 240 bolsas por habitante a 76.
As de material compostable seguiron a tendencia oposta. O seu uso creceu, pasando de ser residuais en 2017 (cando se fabricaron 40 millóns, 0,86 bolsas por habitante) a consumirse 3.200 millóns en 2023, é dicir, 66 bolsas por habitante.
Coa obrigación de utilizar material reciclado na fabricación de bolsas de plástico con espesor igual ou superior a 50 micras, a industria aumentou o seu consumo (194.000 toneladas desde 2017 ata 2023), evitando a emisión de máis de 300.000 toneladas de CO2 á atmosfera.
Concienciación cidadá e adaptación da industria
Acadar estas cifras demostra, non só o aumento da concienciación cidadá en favor da sostibilidade, senón tamén o traballo da industria para adaptarse a estas novidades en tempo récord.
Para cumprir co Real Decreto, o sector tivo que facer grandes investimentos e un esforzo moi importante en áreas como a innovación, o desenvolvemento de materias primas, o deseño de produto, a normalización e a certificación.
Fonte: ANAIP
Imaxe: Freepik