- No marco do novo Regulamento (UE) 2025/40, pasan a ser consideradas envases, aínda que os outros circuítos existentes para a súa xestión continúan a ser unha alternativa válida e complementaria
- A reciclaxe das cápsulas permite recuperar elementos valiosos como o aluminio e o plástico, convertendo os pousos de café en compost
- En resposta ás crecentes esixencias ambientais e normativas, moitas empresas están a desenvolver cápsulas de café sostibles con materiais biodegradables ou compostables, e outras apostan por deseños reutilizables
Cerceda, 3 de setembro de 2026.- Desde o pasado 12 de agosto, e no marco do Regulamento (UE) 2025/40 sobre envases e residuos de envases (PPWR), as cápsulas monodoses de café, presentes nunha boa parte dos fogares, pasan a ser consideradas envases, polo que o seu destino, unha vez convertidas en residuos, debe ser o contedor amarelo. Non obstante, isto non elimina os outros circuítos, que continúan a sesr unha alternativa válida e complementaria. É o caso dos puntos de recollida específicos que organizan voluntariamente os fabricantes e marcas, dispoñibles en tendas, puntos de venda e algúns supermercados, así coma os puntos limpos municipais.
Ata o de agora as cápsulas non se consideraban legalmente envases debido á súa condición de indivisibles (o envase e o produto non se poden separar sen rompelas), pero o novo regulamento resolve este debate e establece que se o produto non pode comercializarse nin consumirse sen ese recipiente, trátase dun envase.
Este cambio normativo obriga aos fabricantes a asumir novas responsabilidades: financiar a recollida, facilitar sistemas de retorno e avanzar cara a deseños realmente reciclables.
Proceso de reciclaxe
A reciclaxe de cápsulas de café permite recuperar materiais valiosos coma o aluminio e o plástico. A clave está en realizar unha separación axeitada dos materiais, xa sexa na casa ou nos puntos de recollida específicos.
O primeiro paso é recoller as cápsulas, desde o contedor amarelo ou desde os puntos de recollida específicos, e levalas aos centros de reciclaxe correspondentes. Alí sepáranse os restos de café das cápsulas. O aluminio fúndese para darlle unha segunda vida (é 100% reciclable), converténdose de novo en cápsulas ou outros obxectos como bolígrafos ou reloxos. E o plástico tritúrase para producir granza, pequenas pezas que se usan para fabricar novos envases ou obxectos.
Pola súa banda, os pousos de café destínanse a compost, un abono natural de gran calidade para o solo.
Cápsulas de café sostibles
En resposta ás crecentes esixencias ambientais, e agora tamén normativas, moitas empresas están a desenvolver cápsulas de café sostibles con materiais biodegradables ou compostables, coma o bioplástico ou fibras vexetais. Outras marcas apostan por deseños reutilizables, que permiten encher a cápsula co propio café moído e reducir aínda máis o residuo.
Fonte: Ecoembes