
- Unha nova avaliación da EEA (Axencia Europea de Medio Ambiente) alerta sobre o crecente impacto de ondas de calor, inundacións, secas e incendios, e urxe a reforzar a resiliencia fronte ao cambio climático
Cerceda, a 4 de xullo de 2025.-O cambio climático está a aumentar a frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos en Europa. Así o reflicte a última avaliación publicada pola Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA), que analiza os impactos de ondas de calor, inundacións, secas e incendios forestais, así coma o grao de preparación do continente para enfrontalos.
A través de mapas interactivos e gráficos, o estudo permite coñecer a evolución histórica destes eventos, as proxeccións futuras e exemplos de medidas de adaptación instauradas por distintos países. O seu obxectivo é concienciar a responsables políticos e cidadanía sobre a urxencia de mitigar e adaptarse ao cambio climático para fortalecer a resiliencia.
790.000 millóns en perdas acumuladas desde 1980
Coincidindo con esta publicación, a EEA lanzou tamén o informe ‘Economic losses and fatalities from weather- and climate-related extremes’, que revela que as perdas económicas por fenómenos climáticos e meteorolóxicos extremos superaron os 45.000 millóns de euros en 2023 en 38 países europeos.
No período 1980-2023, as perdas acumuladas alcanzan os 790.000 millóns de euros na rexión EEA-38, que inclúe aos 32 membros da EEA e seis países dos Balcáns Occidentais. Alemaña, Italia, Francia e España lideran a lista de países con maiores perdas absolutas, mentres que Eslovenia presenta as maiores perdas per cápita.
Os principais eventos causantes de danos económicos foron inundacións, tormentas, ventos e saraiba, por diante de secas ou incendios. Só un terzo destas perdas estivo cuberto por seguros. Na maioría de países, máis do 50 % das perdas non estaban aseguradas, e nalgúns casos a porcentaxe superou o 90 %, o que evidencia unha brecha crecente entre danos económicos e cobertura aseguradora.
A calor, a ameaza máis mortal
En canto ás vítimas mortais, a EEA sinala que, entre 1980 e 2023, as ondas de calor foron a causa principal de falecementos relacionados co clima, seguidas por ondas de frío, secas e incendios forestais. O maior número de vítimas rexistrouse en Europa occidental, meridional e setentrional, especialmente durante os episodios de calor extrema.
A EEA lembra que a Avaliación Europea de Riscos Climáticos (EUCRA) publicada en marzo identifica prioridades políticas para a adaptación climática e formula directrices para sectores especialmente vulnerables.
Fonte: Retema
Imaxe: Freepik