
- Os gañadores anunciaranse na Capital Verde Europea deste ano, Vilnius (Lituania), o próximo 2 de outubro, nunha cerimonia festiva de entrega de premios
Cerceda, a 17 de xullo de 2025.- A Comisión Europea seleccionou a sete cidades para participar na fase final dos premios Capital Verde Europea e Folla Verde 2027, e fíxoo en base aos seus logros e ambicións ao abordar os desafíos ambientais urbanos relacionados coa tripla crise planetaria do cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. Estas urbes están a marcar a pauta ao combinar solucións innovadoras cunha gobernanza sólida para crear contornas máis saudables e sostibles.
As finalistas para o título de Capital Verde Europea 2027, outorgado ás cidades con poboacións superiores a 100.000 habitantes, son Debrecen (Hungría), Heilbronn (Alemaña) e Klagenfurt, no lago Wörthersee (Austria).
No caso das cidades máis pequenas, con poboacións de 20.000 ou máis, as finalistas para o título de Folla Verde Europea 2027 son Assen (Países Baixos), Benidorm (España), Saint-Quentin (Francia) e Siena (Italia).
Os premios European Green Capital e Green Leaf analizan os logros das principais cidades sostibles de Europa en sete áreas ambientais: calidade do aire; xestión da auga; biodiversidade; áreas verdes e uso sostible do solo; residuos e economía circular; contaminación acústica; mitigación do cambio climático; e adaptación ao cambio climático
Próximos pasos
Os días 1 e 2 de outubro do ano en curso, as finalistas mostrarán a súa visión e gobernanza ambiental, así como a súa estratexia de comunicación ante un xurado, e os gañadores anunciaranse na Capital Verde Europea deste ano, Vilnius (Lituania), o 2 de outubro, nunha cerimonia festiva de entrega de premios.
A gañadora da Capital Verde Europea recibirá un premio económico de 600.000 € para implementar a súa estratexia en colaboración coa cidadanía e as partes interesadas. O título de Folla Verde Europea outórgase a unha ou dúas cidades, e cada unha recibe un premio económico de 200.000 €para axudar a organizar actividades durante o ano da súa designación e promover unha maior transformación.
Beneficios para as cidades
As cidades resultan fundamentais para a protección do medio ambiente, xa que son centros de innovación e recursos que permiten a implementación eficiente de prácticas e políticas sostibles que poden reducir significativamente a pegada ambiental de gran parte da poboación. Ademais, coas súas grandes economías e cidadáns comprometidos, son líderes influíntes que dan exemplo en materia de políticas ambientais.
As urbes seleccionadas para a lista de finalistas son recoñecidas como exemplos destacados de sostibilidade, e as gañadoras atraen unha atención considerable a nivel europeo e mesmo internacional durante o ano do seu nomeamento, impulsando o turismo, o investimento e a cooperación.
Igualmente, obteñen beneficios duradeiros lo do seu mandato, xa que poden cambiar a perspectiva dos cidadáns sobre os asuntos ambientais, impulsar transformacións urbanas ambiciosas e fundamentais que mellorarán as súas contornas urbanas e atraerán novos investimentos.
Fonte e imaxe: Comisión Europea