- Sogama enviou ao concello unha nova partida de 25 composteiros a fin de que o municipio siga avanzando na protección do medio ambiente e diminúa custos
Cerceda, 28 de outubro de 2025.- Cedeira (A Coruña) recibiu de Sogama unha nova partida de 25 composteiros que, sumada a outras anteriores, fan un total de 280, posibilitando que outras tantas vivendas unifamiliares con terreo xa estean a elaborar o seu propio compost.
Con isto, o ente local pretende contribuír en maior medida a previr a xeración de residuos e a diminuír a súa produción, toda vez que, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, os restos orgánicos representan da orde do 37-40%. Desta forma, aprovéitanse na propia vivenda en forma de abono, que os usuarios aplicarán posteriormente en xardíns e cultivos, pechando así o propio ciclo da natureza.
Se ben a segregación de materia orgánica sempre foi unha práctica habitual no rural galego, o composteiro, que dispón de capacidade para 400 litros, propicia que o proceso se leve a cabo con maior comodidade e resulte máis hixiénico e eficiente.
Do mesmo xeito que en campañas anteriores, os novos usuarios recibirán un manual didáctico no que se explica de forma detallada a operativa a seguir para elaborar un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente. No mesmo indícase o lugar idóneo para a colocación do composteiro, que debe estar próximo á vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas. Igualmente, detállase a relación de materiais que deben, e non deben, ser depositados no recipiente, e aconséllase que a mestura entre fracción húmida e seca sexa equilibrada, ademais da conveniencia de realizar un seguimento de parámetros con gran incidencia no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Máis aló dos beneficios ambientais inherentes á autoxestión da materia orgánica, tamén representa unha oportunidade para o aforro de custos ao diminuír as entregas de residuos para o seu tratamento final en planta industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación