- Atendida por técnicos especializados, entre os días 24 e 26 de novembro percorreu o Campus Sur de Santiago, o Campus de Pontevedra e o de Lugo
- Equipada con paneis, audiovisuais e xogos, a través da mesma trasladáronse aos estudantes consellos e recomendacións para xestionar os residuos de forma sostible, prestando especial atención aos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe)
Cerceda, 1 de decembro de 2025.- Centos de universitarios visitaron a pasada semana a aula itinerante despregada por Sogama con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos 2025.
Atendida por técnicos especializados en xestión de residuos e equipada con paneis, audiovisuais e xogos, a través deste punto informativo trasladáronse aos estudantes consellos e recomendacións para que poñan en práctica, cada día, o principio dos tres erres: Reducir a produción de refugallos mediante un consumo consciente e responsable; Reutilizar os produtos o maior número de veces posible, alongando a súa vida útil; e Reciclar, levando a cabo, con carácter previo, unha correcta separación dos refugallos en orixe e o posterior depósito dos mesmos nos correspondentes contedores de recollida selectiva para propiciar o seu reciclado, contribuíndo así a aforrar materias primas e enerxía.
O 24 de novembro, a aula de Sogama, enmarcada na campaña “Reinicia os teus hábitos: Reduce, Reutiliza e Recicla!”, instalouse no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, na contorna da Biblioteca Concepción Arenal, e o 25 estivo no Campus Universitario de Pontevedra, diante da Escola de Forestais. O 26 viaxou ao Campus de Lugo, situándose no exterior de Intercentros.
Máis aló de proporcionar información, consellos e recomendacións orientadas a impulsar a colaboración activa na xestión sostible dos residuos urbanos, a aula serviu para resolver dúbidas trasladadas polos universitarios, destacando especialmente as relacionadas coa implantación do contedor marrón, destinado a acoller a materia orgánica, a propia operativa da infraestrutura industrial de Sogama, ou a reciclaxe de papel e de téxtil, entre outras.
Foron moitos os universitarios que se animaron a participar no xogo de impropios, comentando ao respecto que se trataba dunha dinámica que, ademais de ser pedagóxica, resultaba moi divertida. Non en van, o 90% dos que experimentaron esta actividade, tiveron a oportunidade de identificar os erros que estaban a cometer á hora de seleccionar os residuos e, polo tanto, de corrixilos.
Saúdos, Departamento de Comunicación