
- Monitores de Sogama impartirán mañá, día 16, neste centro pontevedrés varias sesións formativas para instruír ao alumnado de Primaria nas boas prácticas ambientais ligadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
- A xornada será aproveitada para explicar a actividade de Sogama e abordar diversas cuestións de actualidade tales como a loita contra o desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos e a compostaxe da materia orgánica.
- Así mesmo, servirá para clarificar as dúbidas trasladadas pola comunidade educativa.
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2020.- Monitores de Sogama impartirán mañá, día 16, clases de reciclaxe a un total de 80 escolares do CEIP Domingo Fontán de Portas (Pontevedra).
A solicitude efectuouna o propio Alcalde, dentro dun plan de acción co que pretende mellorar a segregación de residuos en orixe por parte da cidadanía e o correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes. E nesta carreira cara á reciclaxe, considera que os escolares constitúen un importante apoio, sendo unha excelente correa de transmisión nas boas prácticas ambientais.
A través de tres sesións formativas, instruirase a 80 alumnos/as de Primaria na estratexia europea dos tres erres, proporcionándolles as pautas para consumir de forma responsable, para reducir a xeración de residuos en distintos escenarios da vida cotiá (o fogar, a escola, o tempo de lecer), para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e para separalos correctamente a fin de propiciar o seu posterior reciclado.
A xornada será aproveitada para explicar a actividade de Sogama, encargada de xestionar dúas fraccións de residuos (contedor amarelo e contedor verde xenérico), recuperando a parte reciclable a través de tecnoloxías de última xeración e convertendo en electricidade a non reciclable. De feito, esta empresa pública produce a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Este mesmo ano, e grazas á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), que xa conta con capacidade para tratar en condicións óptimas 1 millón de toneladas de residuos anuais, Sogama incrementará exponencialmente a súa aportación á reciclaxe e reducirá o uso do vertedoiro de Areosa, chegando ao vertido técnico cero.
Así mesmo, durante as charlas abordaranse distintas temáticas de actualidade tales como a loita contra o desperdicio alimentario, xa que un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano acaban refugados, a contaminación por plásticos e a compostaxe da materia orgánica, obtendo a partir da mesma un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes.
A xornada servirá igualmente para clarificar as dúbidas trasladadas pola comunidade educativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación