
- Á mesma destinarase un investimento de 22,4 M€, dos cales 10,2 M€ serán achegados polos Fondos MRR
- Ocupará unha superficie de 8.000 m2 e contará cunha capacidade inicial para 3.000 Tn/ano, ampliable ata 24.000, prevendo que estea culminada no segundo trimestre de 2026
- Nunha primeira fase, a planta creará aproximadamente 16 empregos directos, pudendo chegar a 30, que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social
- Trátase dun proxecto tractor e integrador, impulsado pola Xunta de Galicia, que permitirá aos concellos e empresas do sector téxtil cumprir coas súas obrigacións legais e evitar o uso de vertedoiro
Cerceda, a 8 de agosto de 2025.- A adxudicataria do contrato para a construción e xestión da futura planta de clasificación de residuos téxtiles, cuxo importe ascende a 22,4 millóns de euros, comezou o movemento de terras no propio Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde a instalación ocupará unha superficie de 8.000 m2, dispoñendo dunha capacidade inicial para 3.000 Tn/ano, ampliable ata 24.000.
Unha parte do investimento sufragarase cos 10,2 millóns de euros captados pola empresa pública a través dos Fondos MRR (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), debendo estar operativa en xuño de 2026.
Coa posta en marcha este proxecto, cun marcado carácter tractor e integrador, a Xunta quere axudar a dar debido cumprimento ás esixencias contempladas na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a instaurar a recollida diferenciada dos residuos téxtiles desde o 1 de xaneiro de 2025, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada. Así mesmo, o goberno galego pretende atender as necesidades da sociedade no seu conxunto, toda vez que, a día de hoxe, o 90% dos residuos téxtiles, que crecen de forma exponencial debido ao consumo masivo de moda rápida, acaban en vertedoiro.
En todo caso, será a primeira planta pública desta tipoloxía que, ademais, eríxese en fonte de emprego, creando, nunha primeira fase, aproximadamente 16 postos de traballo, que poderán chegar a 30, cubríndose preferentemente por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Edificación sostible e incorporación de intelixencia artificial
A edificación cumprirá con distintos criterios de sostibilidade tales coma o uso de materiais reciclados, que, ademais, sexan duradeiros e fáciles de manter. Tamén incorporará solucións de aforro enerxético, dando prioridade á luz natural dos distintos espazos, así como melloras vinculadas ao menor consumo de auga e análise do ciclo de vida do edificio, é dicir, análise do impacto que terán os materiais utilizados, tanto na fase de fabricación e construción, como na de explotación e demolición.
Unha vez recepcionados os téxtiles na instalación, someteranse a unha preclasificación a fin de separar aquelas pezas que se atopen en bo estado para destinalas a reutilización. As restantes atravesarán un proceso de selección, por composición e cores, con intelixencia artificial, segregando a continuación elementos impropios e accesorios tales como botóns, cremalleiras etc.
Os tecidos resultantes prensaranse e enviaranse aos centros recicladores para transformarse en fibra téxtil reciclada, aínda que tamén poden contemplarse outros usos, como son os produtos illantes.
Aqueles téxtiles que, dadas as súas características, non poden ser reutilizados nin reciclados, serán valorizados enerxeticamente, evitando que acaben enterrados en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto ambiental e sobre a saúde.
De forma paralela, Sogama tamén traballa na procura de solucións para recuperar material téxtil da fracción resto (bolsa negra), como complemento ao procedente da recollida separada, impulsando para isto proxectos estratéxicos que permitan á comunidade avanzar cara a un sector téxtil sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación