- O obxectivo é recompilar información inicial sobre a xestión dos residuos en cada colexio e entrevistar os docentes coordinadores para coñecer con máis detalle os proxectos, obxectivos establecidos e actividades a realizar durante os próximos meses
- Así mesmo, faráselles entrega dos medios materiais: illas de reciclaxe, conformadas cada unha por catro contedores de recollida selectiva, e composteiros, que serán subministrados a aquelas escolas que xeren materia orgánica e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante
Cerceda, 9 de decembro de 2025.- Hoxe comeza a primeira visita de diagnóstico aos 25 centros de infantil, primaria e educación especial que este curso académico 2025-2026 participan no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Educadores desta empresa pública desprazaranse fisicamente aos colexios para realizar un primeiro diagnóstico da xestión dos residuos nos mesmos e entrevistar aos coordinadores do programa a fin de coñecer con máis detalle os proxectos, obxectivos e actividades a realizar durante os próximos meses.
Así mesmo, e tras remitir os recursos didácticos elaborados por Sogama, procederase a entregar os medios materiais. É o caso das illas de reciclaxe, conformadas cada unha por catro contedores con capacidade para 120 litros (amarelo, azul, marrón e xenérico) e composteiros para aquelas escolas nas que se xere materia orgánica e dispoñan de terreo (hortoa e/ou xardín) para a aplicación do compost resultante.
O próximo mes de xaneiro, e logo das vacacións de Nadal, levaranse a cabo, nos propios centros, sesións formativas presenciais nas que se explicará ao alumnado a problemática, tanto ambiental como económica e social, inherente á elevada produción de lixo, froito dun modo de vida asociado ás malas prácticas de usar e tirar, e a necesidade de instaurar unha xestión sostible dos residuos que dea comezo coa prevención e a redución da súa xeración, continúe coa reutilización dos produtos e culmine coa separación dos residuos en orixe e o seu posterior depósito nos correspondentes contedores de recollida selectiva, garantindo deste xeito a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.
En torno ao mes de marzo efectuarase unha visita de seguimento para avaliar a marcha dos proxectos e resolver posibles dúbidas e, xa a final de curso, a última visita incluirá unha caracterización dos contedores para comprobar o grao de acerto ou erro na selección de refugallos.
Centros participantes 2025-2026
Provincia de Pontevedra (9)
- CEIP de Lourido, de Poio
- CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces
- CPR Santa María e CRA Mestra Clara Torres, de Tui
- CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, de Pontevedra
- CPR Plurilingüe Lar e CEIP de Atín-Cela, de Mos
- CEIP Plurilingüe de Tirán, de Moaña
- CPR Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves
Provincia da Coruña (9)
- CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto
- CEE A Barcia, CEE Manuel López Navalón e CEIP Arquitecto Casas Novoa, de Santiago de Compostela
- CEIP Plurilingüe Alborada e CEIP Plurilingüe Labaca, de A Coruña
- CRA de Bergondo, Bergondo
- CPI Alcalde Xosé PicheL, de Coristanco
- CEIP Plurilingüe A Magdalena, das Pontes
Provincia de Lugo (1)
- CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz
Provincia de Ourense (6)
- CPR Plurilingüe Luis Vives e CEIP Manuel Luis Acuña, de Ourense
- CPI Terras de Maside, de Maside
- CPR Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP de Casaio, de Carballeda de Valdeorras
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras
Saúdos, Departamento de Comunicación