
- Contemplouse a caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas por esta empresa pública aos colexios a fin de valorar a calidade dos materiais depositados nos mesmos e cuantificar a porcentaxe de impropios
- As puntuacións obtidas polos centros computarán na avaliación das memorias que, a final de curso, estes deben presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta
Cerceda, a 23 de maio de 2025.- Recentemente, concluíu a terceira e última visita de seguimento aos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, que este curso 2024-2025 participan no programa “Recíclate con Sogama”.
A diferenza das visitas anteriores, de diagnóstico e de supervisión de proxectos, esta contemplou a caracterización dos contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico) que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas pola empresa pública aos colexios. O obxectivo destas mostraxes era a de analizar a calidade dos materiais depositados en cada recipiente e cuantificar o contido de impropios, é dicir, aqueles refugallos incorrectamente depositados nos mesmos e cuxo destino debería ser outros contedores de recollida selectiva.
As puntuacións obtidas computarán na valoración final das memorias que os centros deben presentar a final de curso a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Xestión sostible dos residuos
A pretensión de Recíclate con Sogama é formar aos escolares nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos. Con tal fin, esta empresa pública proporcionou aos 27 centros participantes nesta edición os medios materiais e didácticos necesarios para que poidan levar a cabo os seus proxectos. Así, e ademais das illas de reciclaxe, tamén entregou composteiros a aqueles colexios que os solicitaron para fabricar o seu propio compost a partir dos restos orgánicos xerados nas instalacións. Igualmente, os educadores ao servizo da Sociedade impartiron formación presencial e estiveron en contacto periódico cos docentes coordinadores deste programa en cada centro para resolver as súas dúbidas e axudarlles nas súas tarefas.
Centros participantes
- 7 na provincia da Coruña: CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e IES Ferrol Vello (Ferrol).
- 6 na de Lugo: IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES Monte Castelo (Burela), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), IES Río Miño (Rábade) e CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar (Foz).
- 11 na provincia de Pontevedra: CPI do Progreso (Catoira), CIFP A Xunqueira (Pontevedra), CPR Salesianos A Mercé (Cambados), IES A Basella (Vilanova de Arousa), CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo), CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis (Vigo), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), IES de Poio (Poio), IES do Barral (Ponteareas) e IES Coruxo (Vigo).
- 4 en Ourense: CPI Terras de Maside (Maside), CEIP Bibei (Viana do Bolo), CEIP Virxe de Guadalupe (Avión) e CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
Saúdos, Departamento de Comunicación