- Máis aló da compostaxe doméstica nas zonas rurais, é necesario que os concellos activen a recollida diferenciada desta fracción nos principais núcleos de poboación a través do contedor marrón
- A Xunta, a través de Sogama, puxo ao dispor dos entes locais catro plantas de compostaxe industrial para axudarlles nesta tarefa
- Cómpre lembrar que a recollida diferenciada da fracción orgánica é unha obrigación legal desde o 1 de xaneiro de 2024
Cerceda, 13 de xullo de 2026.- Se ben a recollida diferenciada da materia orgánica constitúe unha obrigación legal para os concellos desde o 1 de xaneiro de 2024, o certo é que a súa implantación vai máis lenta do desexable, polo que urxe activala para dar debido cumprimento aos obxectivos europeos de reciclaxe e tamén para diminuír custos económicos.
Municipios de pequeno tamaño, eminentemente rurais e con gran dispersión poboacional, apostaron por recuperar unha práctica tradicional como é a compostaxe doméstica, permitindo ás familias, a través da dotación de composteiros, converter en abono natural ao redor do 40% do lixo que producen, conformado por materia orgánica, que logo aplican nas súas hortas e cultivos, evitando que sexa xestionado a través das canles habituais de recollida e transporte por parte dos servizos municipais.
Noutros casos, concellos semiurbanos e/o semirrurais optaron por combinar a autocompostaxe nas zonas máis dispersas coa recollida de orgánicos a través do contedor marrón nos principais núcleos de poboación. Neste último caso, a dotación de medios, tanto materiais como informativos e formativos, e a colaboración cidadá segue resultando insuficiente, polo que resulta conveniente incidir na relación de materiais que poden, e non poden, introducirse no recipiente marrón a fin de garantir o seu posterior tratamento en planta, onde son sometidos a un proceso de fermentación, maduración e afinado para ser transformados en compost.
A Xunta, a través de Sogama, puxo ao dispor dos concellos 4 plantas públicas de compostaxe industrial (unha por provincia: Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense), concibidas para prestar este servizo de forma eficiente e cuxa función é precisamente pechar o círculo da economía circular, obtendo a partir dos restos orgánicos un produto, o compost, que achega nutrientes ao solo e mellora a súa estrutura, substituíndo aos fertilizantes artificiais. Pero os seus beneficios son aínda maiores se se ten en conta que unha correcta separación da materia orgánica en orixe incrementa a cantidade e calidade do resto das fraccións recollidas selectivamente, garantindo un maior reciclado.
O que si e o que non
É preciso que o cidadán diferencie o que si e o que non pode depositar no contedor marrón a fin de evitar impropios e obter un compost de alta calidade.
O que si: cascas de ovo, tapóns de cortiza natural, ósos de froita, escarvadentes, restos de orixe animal -carne ou peixe- (ósos, carne cocida, restos de peixe e marisco, espiñas, cunchas de mexillón, ameixas, …), restos de alimentos crus ou cocidos de froitas, verduras, legumes e hortalizas, restos de pasta e arroces, restos de froitos secos, sementes e cereais, restos de pan, bolería e galletas, cortizas de queixo, restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e hortas, pousos de café e bolsiñas de infusións, papel de cociña usado e manteis de papel (sen restos de aceite).
O que non: chicles, aceite de cociña e outro líquido, po ou restos aspirados ou varridos, ramas de poda, cueiros, compresas e tampóns, area para mascotas, cabichas de tabaco e cinzas, papel hixiénico e toalliñas húmidas.
Así mesmo, non debe esquecerse que os restos orgánicos deben introducirse en bolsas compostables.
Saúdos, Departamento de Comunicación