
- Na celebración do décimo aniversario deste centro de excelencia participou un cento de persoas procedentes do ámbito académico, científico e empresarial do sector ambiental.
Cerceda, 22 de xullo de 2025.- O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC celebrou este venres os seus dez anos de traxectoria na vangarda da investigación ambiental cun acto institucional na Escola Técnica Superior de Enxeñaría ao que asistiron preto de 100 persoas procedentes do ámbito académico, científico e empresarial do sector ambiental.
O acto, que presidiu o reitor Antonio López, conmemora unha década de investigación punteira en proxectos de alcance global nos eidos da biodiversidade, a rexeneración de solo e auga, e o desenvolvemento de tecnoloxías ambientais innovadoras.
A xornada serviu tamén como presentación pública da incorporación de CRETUS á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS), un fito que consolida o recoñecemento á calidade, impacto e excelencia da súa actividade investigadora ao longo desta década.
O evento contou coa participación de autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Mª José Echevarría; e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, así como representantes do tecido empresarial e da comunidade investigadora galega.
Durante o acto, o coordinador científico de CRETUS, Juan M. Lema, fixo un repaso pola evolución do centro desde os seus inicios como agrupación até o seu recoñecemento actual como centro singular. Pola súa banda, a directora científica, Maite Moreira, foi a encargada de presentar o estado actual do centro, detallando a súa estrutura organizativa, o número de investigadores e investigadoras que o integran, as principais liñas de investigación en marcha e os proxectos de maior impacto, así como a súa intensa actividade científica, colaborativa e de transferencia de coñecemento. Tamén destacou o papel estratéxico que xoga CRETUS na promoción de solucións sostibles fronte aos retos ambientais actuais e futuros.
A investigación CRETUS combina as capacidades de diferentes áreas de Ciencias Experimentais (ecoloxía, ecotoxicoloxía, modelización, química analítica e ambiental), Ciencias Sociais (dereito ambiental, economía e psicoloxía social), Humanidades (arqueoloxía) e Enxeñaría (biotecnoloxía ambiental, enxeñaría ambiental e de procesos).
O centro conta con 32 investigadores e investigadoras adscritos, 7 vinculados, 25 posdoutorais, 65 predoutorais e 12 técnicos e técnicas de xestión e persoal de laboratorio.
Sogama é unha das empresas que colaboran con CRETUS.
Fonte e imaxe: USC