
- A súa posta en marcha, co aval da UE, respondía á necesidade de selar e clausurar un total de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control
- A empresa xestiona hoxe unha rede de infraestruturas conformada por un complexo industrial, 37 plantas de transferencia distribuídas por todo o territorio galego, 4 plantas de compostaxe e 1 vertedoiro controlado de apoio, e todo isto aderezado cunha loxística na que o transporte dos residuos por tren adquire especial protagonismo
- Sogama xa activou a maquinaria do seu plan estratéxico 2025-2030, que pivota sobre a transformación dixital, a descarbonización dos procesos e a recuperación de residuos téxtiles
Cerceda, a 16 de xullo de 2025.- O 20 de xaneiro do ano 2000, inaugurábase o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), dando así o pistoletazo de saída á infraestrutura creada pola Xunta de Galicia para dar a mellor xestión posible aos residuos urbanos producidos na comunidade, conforme ás directrices europeas. Tanto é así, que a CE, logo da análise do proxecto, non dubidou en cofinancialo a través dos Fondos de Cohesión, concedéndolle 72,21 millóns de euros a fondo perdido.
A posta en marcha do Complexo respondía entón á necesidade de selar e clausurar un total de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control, e máis de 3.000 puntos de vertedura ilegal, enmarcándose a súa operativa nun plan estratéxico definido polo seu carácter global, integral e solidario.
As bondades do sistema propiciou que a adhesión de concellos a Sogama crecese de forma exponencial en pouco tempo, pasando de 71 no ano 2000 a 295 en 2025 (o 94% de total Galicia), que aglutinan unha poboación superior a 2,2 millóns de habitantes.
O Complexo cercedense, o corazón dunha empresa dedicada a Galicia
O Complexo Medioambiental de Cerceda concíbese como un todo conformado por distintas plantas, desempeñando cada unha a función encomendada, pero operando de forma coordinada e en plena sintonía coas demais para dar o mellor tratamento posible aos residuos urbanos.
Logo da consolidación do modelo Sogama, os últimos 10 anos foron claves ao acometer nesta marcoinfraestrutura unha serie de melloras orientadas a prestar un mellor servizo, podendo destacar a posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, que opera con tecnoloxía 4.0.
Ademais desta instalación, que permitiu ampliar a capacidade do Complexo desde as 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, o recinto acolle unha planta de clasificación de envases lixeiros, outra de reciclaxe e elaboración de combustible, unha planta de coxeración e unha termoeléctrica, conformando todas elas o circuíto que seguen os residuos recibidos por Sogama para ser tratados conforme ás súas características.
No marco da política de transparencia que caracteriza a esta empresa pública, o Complexo sempre tivo abertas as súas portas para que os cidadáns puidesen coñecer de primeira man a súa actividade. Polo mesmo pasaron máis de 86.500 visitas (desde escolares e universitarios ata asociacións, colectivos sociais, empresarios e delegacións de comunidades españolas e de distintos países do mundo).
Tamén a súa contribución ao emprego é relevante ao xerar un milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos.
Novos horizontes: 2025-2030
Sogama xa puxo en marcha a maquinaria do seu plan estratéxico, que pivota sobre a transformación dixital, a descarbonización dos procesos e a recuperación de residuos téxtiles, sen esquecer a maior eficiencia das súas instalacións, a profesionalización do sector e, moi importante, unha comunicación máis fluída e bidireccional cos seus clientes: 295 concellos, provedores, contratistas e, en xeral, os seus principais grupos de interese.
O seu obxectivo é ser unha ferramenta clave para que empoderar a Galicia no ámbito ambiental e avanzar de forma decidida cara á economía circular como modelo de desenvolvemento para a nosa comunidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación