- O intenso e continuo bombardeo de ofertas e descontos propios deste evento, xera novas necesidades que desembocan en compras masivas de produtos que, na súa meirande parte, non precisamos e que, máis cedo que tarde, acabarán convertidos en refugallos
- Comparar prezos, preparar unha lista do que se necesita, establecer un orzamento, optar por produtos duradeiros e reparables, ou consumir no comercio local son, entre outros algúns dos consellos a poñer en práctica
Cerceda, 26 de novembro de 2025.-O Black Friday, non só se converteu nun dos eventos comerciais máis importantes do ano, senón tamén nunha fonte significativa de impactos ambientais, especialmente no incremento de residuos e emisións de CO2 procedentes do transporte.
O intenso e continuo bombardeo de ofertas e descontos xera novas necesidades que desembocan en compras masivas de produtos que, na súa meirande parte, non precisamos e que, máis cedo que tarde, acabarán convertidos en refugallos.
É por isto que, antes de lanzarnos a consumir, convén ter en conta unhas sinxelas recomendacións:
- Compara prezos para evitar falsas ofertas.
- Prepara unha lista co que realmente necesites.
- Establece un orzamento e evita compras impulsivas.
- Prioriza a adquisición de produtos duradeiros e reparables.
- Dá preferencia aos produtos coa menor embalaxe posible e que, en todo caso, esta sexa reciclable ou compostable.
- Avalía se podes reparar antes de substituír.
- Opta por artigos con certificacións ambientais ou comercio xusto.
- Compra no comercio local. Ademais de que contribuirás a xerar un impacto económico positivo na comunidade, tamén estarás a colaborar na redución das emisións de CO2 e, por tanto, da pegada do transporte.
- No caso do consumo en liña, agrupa pedidos e evita devolucións innecesarias, xa que incrementan as emisións.
Reducir o impacto ambiental do Black Friday é posible se se adoptan prácticas responsables. O obxectivo non é eliminar o consumo, senón facelo de forma consciente, eficiente e sostible.
Reflexionar antes de comprar
Así que, antes de consumir, pregúntate:
- Necesítoo realmente?
- Podo reparalo ou compralo de segunda man?
- Hai unha opción local ou sostible?
- Podo agrupar envíos ou evitar devolucións?
O verdadeiro aforro non reside en aproveitar descontos, senón en gastar o menos posible para satisfacer as nosas necesidades reais.
Saúdos, Departamento de Comunicación