- Unha análise probabilística do ciclo de vida do plástico identifica as principais fontes de liberación e mellora a precisión na avaliación da contaminación
Cerceda, 14 de abril de 2026.-A contaminación por plásticos continúa a ser un dos principais retos ambientais do século XXI, aínda que novos estudos apuntan a que as emisións reais ao medio ambiente poderían ser menores do estimado en países con sistemas avanzados de xestión de residuos.
A investigación baséase nunha análise probabilística de fluxo de materiais (PMFA), que permite avaliar as emisións de sete polímeros principais —PET, PP, LDPE, HDPE, PVC, PS e EPS— en todas as etapas do ciclo de vida.
Utilizando datos da Suíza en 2022 como caso de estudo, o modelo reflicte o comportamento dun sistema europeo con alta concienciación ambiental e xestión eficiente de residuos, o que o converte en referencia potencial para outras rexións da UE.
A diferenza de modelos anteriores, este enfoque incorpora 245 vías de emisión e ten en conta factores como novas regulacións, reciclaxe e achegas de expertos do sector.
As emisións clasifícanse en directas —como a liberación de fibras téxtiles ou a perda de pellets na fabricación— e indirectas, coma o abandono de residuos ou a escorrentía.
Os resultados mostran que máis do 95% das emisións concéntranse no chan, mentres que menos do 5% alcanzan augas superficiais, con diferenzas segundo contornas residenciais, agrícolas ou viarias.
A análise identifica que os macroplásticos representan o 82% das emisións, principalmente asociados a procesos postconsumo, abandono de envases, materiais de construción e produtos de automoción, mentres que os microplásticos (18%) proceden en gran medida de téxtiles —incluídos agrotéxtiles e xeotéxtiles— así como de procesos industriais.
Entre os materiais, o PET e o PP destacan coao os principais contribuíntes, impulsados polo seu uso en envases e téxtiles sintéticos.
No caso de Suíza, factores como unha infraestrutura robusta de xestión de residuos, altas taxas de incineración e a prohibición de aplicar lodos de depuradora en solos contribúen a reducir significativamente as fugas de plástico ao medio ambiente.
Non obstante, o estudo recoñece limitacións, como a exclusión do desgaste de pneumáticos —unha fonte relevante de microplásticos— ou a ausencia dalgunhas fontes específicas no contexto suízo.
Os resultados poñen de relevo que a contaminación por microplásticos está fortemente vinculada a actividades relacionadas cos téxtiles, coma o lavado, secado e uso de pezas, mentres que os envases son a principal fonte de macroplásticos.
Fonte: Comisión Europea