 
- Pertencían ao CEIP de Lourido, un centro moi comprometido coa protección do medio ambiente e a xestión sostible dos residuos urbanos
Cerceda, 30 de outubro de 2025.- Medio cento de escolares de 5º e 6º de primaria do CEIP Lourido de Poio (Pontevedra), acompañados polos seus profesores, viaxaron esta semana a Cerceda para aprender e gozar dunha xornada formativa e lúdica no Complexo Medioambiental de Sogama.
Alí esperábannos os educadores que están ao servizo desta empresa pública para explicarlles, utilizando presentacións e vídeos de apoio, a problemática que, a día de hoxe, representa a elevada xeración de residuos, que ferramentas pode utilizar a cidadanía para facer fronte á mesma, así como a importancia que teñen as boas prácticas ambientais para loitar contra o cambio climático.
Equipados con lentes inmersivas 360º, os pequenos puideron desprazarse virtualmente polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense e ver, con todo detalle, o itinerario que segue o residuo desde que entra nesta infraestrutura ata que sae da mesma convertido en recurso: ben, en balas de materiais clasificados para o seu envío aos centros recicladores, onde se transforman en novas materias primas, ou ben en enerxía eléctrica, que a entidade produce a partir dos residuos non reciclables tras ser acondicionados en forma de combustible CDR.
Máis aló de mostrar a operativa de Sogama, os monitores insistiron na necesidade de previr e reducir a produción de desechos a través dun consumo responsable, de alongar a vida útil dos obxectos mediante a reutilización e de separar correctamente os materiais por tipoloxías e depositalos nos contedores de recollida selectiva para propiciar o seu posterior reciclado. Neste sentido, insistiron en que este labor de segregación previa resulta fundamental para conseguir unha reciclaxe de calidade.
A xornada culminou con xogos, cobrando especial protagonismo as máquinas arcade, coas que os escolares puideron medir o seu grao de coñecemento en materia de clasificación de residuos e posterior reciclado.
A visita a Sogama forma parte das múltiples actividades que o CEIP Lourido leva a cabo para sensibilizar ao seu alumnado no respecto e a protección ambiental. Non en van, este centro foi sempre moi receptivo á participación en todas aquelas actividades que poidan contribuír á formación de futuros adultos comprometidos coa contorna.
Saúdos, Departamento de Comunicación
