
- Así o manifestou o presidente de Sogama durante a súa intervención no 1st Aeversu Summit, o primeiro encontro sobre valorización enerxética, e celebrado onte en Madrid coa pretensión de poñer en valor o papel que debe desempeñar este tratamento finalista na xestión dos residuos municipais
- Lembrou que os estados membros deben acadar a vertedura técnica cero en 2035 (10%), e España aínda leva a vertedoiro o 50%
- Puxo de relevo a necesidade de que a valorización enerxética se incorpore de facto á economía circular como unha solución sostible, á vez que demandou que a lexislación en materia de residuos se acompañe de recursos para que realmente sexa efectiva
Madrid, a 9 de maio de 2025.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, participou onte no 1st Aeversu Summit, o primeiro encontro global sobre valorización enerxética, celebrado en Madrid, concretamente na Fundación Giner dos Ríos, e fíxoo como tertuliano na mesa redonda bautizada co título “Xestión económica da valorización enerxética. Saen as contas?”, que moderou Mikel Huizi Leiza, director xeral de Zabalgarbi (Bilbao).
Alí estivo acompañado pola galega Sonia Muiña, directora xeral de Servizos Industriais de Valtalia Investments; María José Delgado, directora xeral do Parque Tecnolóxico de Valdemingómez (Madrid); e Sergio Cabellos, director de Negocio da firma PreZero.
Valentía política e sentidiño
No transcurso da súa intervención, Domínguez Lino puxo o acento na necesidade de que as obrigacións legais en materia de residuos estean acompañadas dos recursos necesarios para que realmente sexan efectivas.
Así, e dado que a xestión de residuos é unha competencia municipal, incidiu en que non se pode abandonar aos concellos á súa sorte, senón que hai que proporcionarlles os medios e os recursos para que teñan capacidade de dar resposta efectiva á normativa vixente.
Neste sentido, salientou o firme apoio da Xunta ao modelo Sogama desde os seus inicios e, máis recentemente, ao despregamento en Galicia dunha rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica, conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia de apoio, ás que o Goberno galego destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT-EU. A pretensión non era outra que axudar aos entes locais a cumprir a obrigación de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica en prazo.
Así mesmo, e a modo de exemplo, criticou que se tivera lexislado sobre a recollida selectiva do residuo téxtil, obrigatoria para os concellos a partir do 1 de xaneiro de 2025, e que nin sequera a estas alturas se definiran as competencias do SCRAP competente. “Sogama vai construír e xestionar unha planta para a clasificación de residuos téxtiles e aínda non sabemos aue vai financiar este SCRAP, como o vai a facer, en que termos e con que garantías”.
Lembrou que España verte o 50% dos seus residuos e abundou en que o obxectivo de chegar á vertedura técnica cero (10%) en 2035 é inviable sen unha firme aposta pola valorización enerxética da fracción non reciclable, porque, tal e como asegurou, “debemos entender que hai residuos que non se poden reciclar e outros, supostamente reciclables, que non reúnen os requisitos técnicos esixidos polos recicladores, polo que, conforme ás directrices da UE, o tratamento máis axeitado na escala xerárquica é a valorización enerxética fronte ao vertedoiro”, ao que engadiu que “España non poderá cumprir os obxectivos europeos sen contar con este sistema de xestión de residuos, complementario á reciclaxe, non excluínte, e que, ademais, produce un ben de primeira necesidade como é a enerxía eléctrica, estable, fiable e segura”.
Demanda dun marco regulatorio seguro
Pola súa banda, Sonia Muiña, lamentou que a valorización enerxética non ocupe aínda en España o lugar que lle corresponde, polo que instou a seguir traballando para trasladar a todos os sectores sociais a relevancia deste modelo e superar esa imaxe negativa que algúns grupos queren transmitir cando no norte de Europa é un debate perfectamente superado e que conta co beneplácito dos movementos ecoloxistas, conscientes de que a reciclaxe por si mesma non pode solucionar integramente a problemática dos residuos.
Demandou tamén un marco regulatorio que dea seguridade ás empresas do sector, xa que unha planta de valorización enerxética require de continuos investimentos para estar á vangarda tecnolóxica e cumprir os esixentes requisitos impostos pola lexislación, moito máis rigorosa que a que rexe para outras industrias.
Saúdos, Departamento de Comunicación